Un ano máis, e xa van cinco, os bucios da Confraría de Pescadores de San Xulián da Illa de Arousa e os submarinistas do Club Subacuático Pérez-Sub, convocados por Afundación no marco do programa PLANCTON, uniron as súas forzas para levar a cabo unha gran limpeza de lixos mariños nos fondos dun dos lugares máis privilexiados da Ría de Arousa, a contorna dos guidoiros.
Ata este ano, todas as actuacións de limpeza de residuos realizadas no lugar baixo o paraugas de PLANCTON foron levadas a cabo no illote Areoso, cinco submariñas e unha en terra firme, porén, este ano, e como gran novidade, actuouse nos fondos do guidoiro Pedregoso, lugar no que os mergulladores de ambos colectivos teñen constancia da existencia de aparellos de pesca amoreados e extraviados que é preciso retirar para favorecer deste xeito a conservación da rica biodiversidade existente neste espazo.
DATAS: 15/03/2025