Un ano máis, e xa van cinco, bucios da Confraría de Pescadores de San Xulián da Illa de Arousa e submarinistas do Club Subacuático Pérez-Sub, convocados por Afundación no marco do programa PLANCTON, uniron as súas forzas para levar a cabo unha gran limpeza de lixos mariños nos fondos dun dos lugares máis privilexiados da Ría de Arousa, a contorna dos guidoiros.
Ata este ano, todas as actuacións de limpeza de residuos realizáranse no illote Areoso, cinco submarinas e unha en terra; porén, este ano 2025, actuouse principalmente na contorna do guidoiro Pedregoso. Os mergulladores de ambos colectivos conseguiron retirar dos fondos aparellos de pesca extraviados, que xa avistaran durante as anteriores operacións de limpeza como redes, pneumáticos nasas e cabos. Esta operación de retirada do que se coñece como pesca pantasma, contribúe significativamente a garantir a conservación da rica biodiversidade existente neste espazo. Ademais, un pequeno operativo de persoas voluntarias, desembarcou tamén en terra firme para retirar lixos en superficie depositados nas rochas do illote pola acción das mareas conseguindo retirar ao remate da limpeza máis de 400 quilos de obxectos plásticos, fundamentalmente boias, botes e botellas.
Bucios e submarinistas realizaron inmersións ao longo de toda a mañá acompañados en superficie por persoas voluntarias doutras entidades como a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, o Servizo Marítimo da Garda Civil, Dragados Osmar, Protección Civil de Vilanova de Arousa, o Concello da Illa de Arousa e Afundación, que colaboraron nas tarefas de recollida e traslado a terra dos lixos recollidos. Trala pesada final realizada no porto de Xufre en colaboración con Descargas J.C. Viñas e Hijos, a balanza reflectiu un total de 2300 quilos.
Despois de hoxe, e tralas sete actuacións levadas a cabo no seo de PLANCTON na contorna dos Guidoiros arousáns, son xa case dez as toneladas de lixos mariños retiradas deste paradisíaco enclave no corazón da Ría de Arousa.
A Obra Social de ABANCA, ademais das propias accións de retirada de residuos, desenvolve desde o inicio do proxecto PLANCTON distintas iniciativas de divulgación e de sensibilización, entre as que destaca a realización dunha peza documental, «O Areoso, un patrimonio a preservar», que se pode ver na canle audiovisual da entidade, Afundación TV, e que foi concibida para concienciar á sociedade sobre a necesidade de preservar contornas como esta, para que as xeracións do futuro poidan gozar delas e dos seus valores, do mesmo xeito que o facemos nós no momento presente.


























































































