Foron 18 os mergulladores e mergulladoras da Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa e do Club Subacuático Pérez-Sub, algúns deles pertencentes á Asociación Galega de Pescadores Submarinos Responsables, os que participaron en Vilanova de Arousa nunha xornada de limpeza de fondos organizada por Afundación no marco do programa PLANCTON, na que conseguiron retirar máis de 400 quilos de residuos.
Ao longo da xornada, os submarinistas que tomaron parte na actividade realizaron diferentes inmersións en varios puntos do litoral situados dentro da zona de explotación marisqueira da Confraría de Vilanova, concretamente no tramo comprendido entre o Con Grande e a Punta das Sinas, para localizar e retirar residuos acumulados nos fondos mariños. Mentres as voluntarias e voluntarios do clube de submarinismo fixeron as inmersións en apnea, os bucios da confraría empregaron as mangueiras que adoitan utilizar durante o exercicio da súa actividade profesional e que lles permiten baixar a maior profundidade.
As tarefas centráronse fundamentalmente na recuperación de útiles, aparellos e outros materiais vinculados á actividade pesqueira, como nasas, pneumáticos empregados como defensas nas embarcacións e restos de cabos e redes que, tras perderse ou ser arrastrados polas mareas e os temporais, terminan depositados nos fondos rochosos, podendo afectar a conservación das diferentes especies que habitan nestes ecosistemas mariños e mesmo interferir no desenvolvemento da propia actividade pesqueira. Xunto a estes residuos relacionados coa pesca, os cultivos mariños, a propia navegación e o marisqueo, os mergulladores tamén retiraron dos fondos outros refugallos de diversa natureza e orixe, que ao se acumular baixo a superficie contribúen á degradación do medio mariño.
O coñecemento directo que os traballadores do mar e os pescadores deportivos teñen dos fondos da ría de Arousa resultou fundamental para poder localizar previamente os residuos e proceder á súa retirada de maneira segura e eficaz, nunha actuación que pon de manifesto, unha vez máis, a importancia de que sexan os propios usuarios do medio mariño quen se impliquen directamente no seu coidado e conservación. A colaboración entre pescadores, mariscadores, colectivos de mergulladores, administracións públicas, entidades privadas, e a sociedade no seu conxunto, resulta así fundamental para avanzar cara a un uso responsable e sostible dos recursos naturais.
A xornada serviu tamén para poñer en valor a riqueza ambiental da ría de Arousa e para chamar a atención sobre a necesidade de preservar a calidade dos seus fondos, especialmente daqueles espazos nos que se desenvolven actividades económicas como o marisqueo e a pesca. A retirada destes residuos contribúe non só a mellorar o estado dos fondos, senón tamén a evitar que determinados aparellos e materiais abandonados ou extraviados permanezan no medio, onde poden seguir xerando impactos sobre a fauna e a flora mariñas como a pesca pantasma, ademais de dificultar o normal desenvolvemento das actividades que se realizan nestas augas.
Esta nova limpeza de lixo mariño desenvolvida no marco de PLANCTON forma parte do compromiso da Obra Social de ABANCA coa conservación do medio mariño, o fomento da sustentabilidade das actividades desenvolvidas no mar e a sensibilización da sociedade sobre a importancia de preservar os recursos naturais.
A filosofía de PLANCTON baséase precisamente na colaboración e no traballo conxunto de diferentes actores e colectivos, combinando accións directas de retirada de residuos con iniciativas de educación, sensibilización e divulgación ambiental. Deste xeito, as xornadas de limpeza permiten actuar sobre problemas concretos dos ecosistemas, pero tamén facer visible a importancia de previr a chegada e acumulación de residuos no medio mariño e promover cambios nos hábitos e comportamentos da sociedade.
A xornada contou coa colaboración da FEGAS e do Concello de Vilanova de Arousa, que asumirá a xestión dos residuos retirados dos fondos, completando así un operativo no que a participación coordinada dos diferentes colectivos resulta clave para avanzar na protección e conservación da ría.




















































