PLANCTON 2024. Limpeza de lixo mariño e retirada de flora exótica invasora no areal de Cesantes

PLANCTON 2024. Limpeza de lixo mariño e retirada de flora exótica invasora do areal de Cesantes (Redondela)

No marco do programa PLANCTON (Plan de Conservación Territorial ON), Afundación organizou no areal de Cesantes, unha dobre xornada de voluntariado medio ambiental consistente na retirada de lixo mariño da parte superior da praia e de flora exótica invasora da zona dunar, para a que contou coa participación de máis de 60 persoas voluntarias, fundamentalmente alumnas e profesorado do Colexio Hogar Afundación de Vigo.

Polo que respecta ao lixo mariño, e como é habitual neste tipo de limpezas, a maior parte dos residuos correspondeuse con diferentes obxectos plásticos. Por unha banda, os que teñen a súa orixe na actividade pesqueira, froito das perdas accidentais de utensilios e aparellos como cordas, cabos, redes, nasas, sedelas, boias, e unha gran cantidade de tarugos plásticos empregados nas bateas para evitar a caída dos mexillóns, pola outra, diferentes obxectos de orixe continental, como os restos de envases, bolsas e envoltorios, botes e botellas, tapóns, produtos de hixiene como os bastonciños plásticos de limpar os oídos, canos de beber, vasos ou as cápsulas de café, por citar os máis numerosos. Ao finalizar a xornada matinal, e tras a clasificación e pesada de todos estes residuos, a balanza reflectiu un total de 87 quilos.

No que respecta á actuación de eliminación de flora exótica invasora da zona dunar, un total de 79 quilos, as coidadas actuacións de retirada centráronse nos pés de Chasmanthe sp., pan de cuco e margarida africana, especies que supoñen unha grave ameaza para ecosistemas tan fráxiles e valiosos como este.

Con actuacións como a levada a cabo hoxe nun lugar tan emblemático e protexido como é o LIC da Enseada de San Simón, un espazo de especial protección dentro da Rede Natura 2000, a Obra Social de ABANCA procura a través de PLANCTON e acorde ao seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fomentar a conservación e a sostibilidade do conxunto de actividades socioeconómicas desenvolvidas en enclaves costeiros con elevados valores medioambientais, tratando de promover a súa vez entre a toda a colectividade, xeitos de actuar responsables que aseguren a conservación dos recursos existentes sen chegar a poñelos en compromiso para o seu uso de desfrute por parte das xeracións futuras.

A xornada contou tamén coa colaboración do Concello de Redondela, que conta cun plan integral para a rexeneración da praia e da súa contorna, quen se encargou da xestión ulterior dos residuos e plantas retiradas.

DATAS:

14/03/2024

HORARIO:

10:00 a 13:00 h

MODALIDADE:

Presencial