PLANCTON 2024. Retirada de bágoas de serea na praia de Lariño (Muros e Carnota)

PLANCTON 2024. Limpeza de bágoas de serea na praia de Lariño (Muros e Carnota)

Preto de 60 persoas, principalmente estudantes do centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación, convocadas pola Obra Social de ABANCA e o seu programa de voluntariado Actúa, participaron nunha intensa xornada de limpeza na praia de Lariño, nos concellos de Muros e Carnota. As tarefas centráronse principalmente na retirada do areal de bólas de PET (tereftalato de polietileno) dun diámetro inferior aos 5 mm empregadas como materia prima para a industria plástica. O obxectivo, contribuír a paliar na medida do posible o seu impacto ambiental, despois de que un barco, o Toconao, perdera parte da súa carga fronte ás costas portuguesas a principios do mes de decembro espallando estes elementos en distintos puntos da costa galega, principalmente das Rías Baixas.

A actividade, que contou coa colaboración do Concello de Muros, desenvolveuse ao longo de toda a praia, fundamentalmente na liña de marea marcada polas arribazóns, onde pequenos grupos de persoas voluntarias retiraron minuciosamente as pequenas bólas plásticas, empregando diversos utensilios como peneiras e coadoiros para poder cribar adecuadamente estes residuos de pequeno tamaño das areas da praia. Ademais, retiráronse tamén outro tipo de refugallos que adoitan a encontrarse nas limpezas de praias, como pequenos anacos de cordas, cabos e cabiños, tarugos plásticos das bateas, sedelas enmarañadas ou os restos de envases plásticos por citar tan só algúns dos máis abundantes.

Segundo os datos reflectidos tralos labores de clasificación e reconto coas que concluíu a actividade, retiráronse do areal máis de 135 quilos de refugallos, entre eles varias decenas de miles de bólas de PET que conseguiron quitar as persoas voluntarias durante o minucioso traballo de peneirado realizado.

DATAS:

11/01/204

HORARIO:

10:00 a 13:00 h

MODALIDADE:

Presencial