“Goza da praia sen deixar pegada”, unha campaña para sensibilizar o turismo sobre prácticas sostibles

Disfruta de la playa sin dejar huella.

A campaña «Goza da praia sen deixar pegada», ten como obxectivo sensibilizar os turistas que visitan durante o verán os areais de Galicia sobre a necesidade de compatibilizar, con boas prácticas, o uso recreativo das praias coas actividades socioeconómicas que se desenvolven nelas, como é o caso do marisqueo a pé.

Enmarcada nas accións que desenvolve a Obra Social de ABANCA dentro do seu programa PLANCTON, a campaña conta coa colaboración dos concellos da Illa e Vilagarcía de Arousa, así como tamén das mariscadoras da Confraría de pescadores da Illa de Arousa e da Asociación de Mariscadoras de Carril.

Esta segunda edición de «Goza da praia sen deixar pegada» arrancou no espazo protexido Rede Natura 2000 ZEC-Punta Carreirón, na entrada que dá acceso á praia de Xestelas na Illa de Arousa, onde se instalou unha exposición con paneis informativos nos que se recollen distintos consellos sobre boas prácticas no uso e gozo dos areais.

No inicio da campaña participaron mariscadoras da Illa de Arousa, que transmitiron persoalmente aos turistas que se achegaron aos areais próximos e a súa visión sobre a importancia de compatibilizar o uso recreativo e socioeconómico destes enclaves costeiros, que poida garantir a conservación do contorno e preservar o seu medio de vida. Ademais, co fin de reducir a cantidade de residuos nas praias, as traballadoras do mar repartiron tamén entre os visitantes bolsas de tea reutilizables e cinceiros portátiles (unha soa cabicha contamina entre 8 e 10 litros de auga salgada e ata 50 de auga doce).

A exposición permanecerá na Illa de Arousa ata o día 31 de xullo, día no que se trasladará á praia de Compostela, en Vilagarcía de Arousa, onde permanecerá ata o 11 de setembro. Nese momento, as mariscadoras da Asociación de Mariscadoras de Carril tomarán o relevo nas tarefas informativas dirixidas aos turistas que visiten este concello.

DATAS:

Sábado, 17 XUN 2023

HORARIO:

09:15 a 14:00 h