PLANCTON 2025. Retirada de lixos mariños na contorna do Guidoiro Pedregoso

PLANCTON 2025: limpeza de lixo mariño no Guidoiro Pedregoso con ABANCA Seguros

O Guidoiro Pedregosofoi o escenario dunha nova xornada de voluntariado ambiental organizada por Afundación no marco do seu programa PLANCTON, o plan de conservación territorial que ten por principal obxectivo fomentar entre todos os ámbitos da sociedade a conservación dos recursos e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se realizan no mar, prestando especial atención, como no caso deste guidoiro arousán, ás áreas de influencia das ZEPA, as Zonas de Especial Protección para as Aves da Rede Natura 2000.

Acompañados de varios representantes do Servizo de Pantimonio Natural de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e da Confraría de pescadores de San Xulián da Illa de Arousa, que tamén colaboraron na actividade, o equipo de persoas voluntarias de ABANCA Seguros desplazouse a primeira hora da mañá ata o guidoiro para levar a cabo as operacións de retirada de residuos, fundamentalmente obxectos plásticos como botes e botellas que chegan ata alí por mor da acción dos ventos, dos temporais e das mareas.

A contorna dos guidoiros é un lugar no que xa se ten actuado noutras ocasións baixo o paraugas de PLANCTON, sen ir máis lonxe, no pasado mes de marzo, nunha limpeza simultanea realizada nos fondos e superficie do Areoso e do Pedregoso, conseguíronse retirar máis de 2300 quilos de residuos, lixos mariños cuxa orixe está relacionada fundamentalmente coa actividade pesqueira no caso dos retirados dos fondos polos mergulladores, e con outras actividades relacionadas con actividades de lecer e da vida cotiá no propio continente no caso dos lixos retirados de terra firme como os recollidos hoxe do Pedregoso.

Ao final da xornada, e xa de regreso ao porto de Xufre na Illa de Arousa, procedeuse á pesada dos lixos retirados, reflictindo a balanza un total de 435 quilos.

Con iniciativas como a realizada hoxe na contorna deste guidoiro arousán e outra serie de actividades educacionais e de voluntariado, Afundación pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de protexer os recursos naturais existentes no territorio sen chegar a comprometelos para as xeracións do futuro, na liña do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en especial o ODS 13 (Acción polo clima), ODS 14 (Vida submarina), ODS 15 (Vida de ecosistemas terrestres) e o ODS 17 (Alianzas para acadar os obxectivos), todo elo no marco dun plan de conservación territorial no que se conta coa colaboración de máis de 80 entidades de ámbitos moi diversos, como son o sector pesqueiro, as administracións públicas, os centros educativos e centros de investigación, as empresas, os clubes deportivos, as organizacións ecoloxistas e as asociacións do terceiro sector.

A actividade contou tamén coa colaboración do Concello da Illa de Arousa quen se encargou de xestionar os residuos retirados.

DATAS:

24/09/2025

HORARIO:

FINALIZADA

MODALIDADE:

Presencial