PLANCTON 2025. Retirada de lixo mariño e flora exótica invasora no areal de Cesantes

PLANCTON 2025: retirada de flora exótica invasora e de lixos mariños no areal de Cesantes.

Un nutrido grupo de alumnas e alumnos integrado por case 50 persoas voluntarias do Colegio Hogar Afundación, participaron dunha intensa mañá de voluntariado ambiental no areal de Cesantes onde, divididos en grupos, procederon á dobre tarefa de retirada de flora exótica invasora e de todo canto lixo mariño puideron atopar ao longo de praia.

Tarugos plásticos dos empregados nas bateas para suxeitar os mexillóns, restos de envoltorios, envases, botes, tapóns e botellas plásticas, bastonciños de lambetadas e de limpar os oídos, cabichas, así como pequenos anacos de cabos e cabiños e cachos de poliespán, foron os obxectos máis abondosos retirados da area, útiles cuxa procedencia responde tanto ás actividades económicas desenvolvidas no mar como as propias da vida cotiá en terra firme. Ao final da mañá, e trala conclusión das tarefas de clasificación e pesada habituais á conclusión deste tipo de actividades, a balanza reflectiu un total de 74,4 quilos de refugallos.

Polo que respecta ás especies botánicas invasoras retiradas do lugar, as actividades extractivas focalizáronse en diferentes plantas, entre as que é preciso mencionar a margarida africana Arctotheca calendula (L.) Levyns, o pan do cuco, Oxalis pes-caprae L., así como algúns pés de Chasmanthe sp., Cotula coronopifolia L. e gramón, especies que é preciso retirar de lugares tan fráxiles como este ecosistema dunar, un lugar que forma parte do LIC da Enseada de San Simón pertencente á Rede Natura 2000. A pesada final reflectiu unha cantidade superior aos 190 quilos.

Con este tipo de actividades de voluntariado ambiental, e outras de corte formativo e de sensibilización, Afundación procura a través deste plan de conservación territorial garantir a conservación e a sostibilidade de todas as actividades socioeconómicas desenvolvidas na costa e no propio mar, prestando especial importancia á necesidade de inculcar á sociedade a importancia de actuar de xeito responsable para garantir o uso e goce dos recursos tanto no momento presente como no futuro,  todo elo acorde ao seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de xeito especial os ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.

Do mesmo xeito que ocorrera en ocasións precedentes neste mesmo lugar, a xornada contou coa colaboración do Concello de Redondela quen se encargou da xestión ulterior dos residuos e plantas retiradas.

DATAS:

12/03/2025

MODALIDADE:

Presencial