PLANCTON 2025. Limpeza de lixo mariño nas praias de Baldaio e Razo co CPR Afundación

PLANCTON 2025. Limpeza de lixo mariño nas praias de Baldaio e Razo co CPR Afundación

As praias do espazo natural de Baldaio e Razo, no concello de Carballo, acolleron unha nova operación de limpeza de lixo mariño organizada pola Obra Social ABANCA no marco do seu Plan de Conservación Territorial, PLANCTON. Un grupo de alumnos e profesores do Centro de Formación Profesional Afundación da Coruña conseguiu retirar máis de 562,5 quilos de lixo mariño.

O operativo de limpeza, formado por varios grupos distribuídos por diferentes zonas do areal, comezou ás dez da mañá. Os voluntarios recolleron fundamentalmente obxectos de orixe terrestre e de uso cotián, como restos de envases, bolsas e envoltorios, frascos, botellas, tapóns, paus plásticos de limpar os oídos, boliñas de pellets utilizadas como materia prima para a fabricación de multitude de produtos plásticos, como os que chegaron ás costas de Galicia tralo vertido accidental do Toconao fronte ás costas portuguesas a principios de 2024, así como outra serie de obxectos plásticos relacionados coa pesca e extraviados durante o exercicio da mesma, como boias, marañas de liñas de pesca, pequenos anacos de cordas, cabos e cabiños, escumas sintéticas, etc.

A desta ocasión foi a cuarta limpeza que realiza o grupo de voluntariado Actúa neste espazo protexido, un humidal onde a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.), unha pequena ave limícola ameazada que aproveita determinadas zonas costeiras de Galicia provistas de espazos dunares con vexetación máis ou menos densa, adoita a criar entre os meses de marzo e xullo.

A de Baldaio e Razo é a primeira das actuacións de limpeza de lixo mariño repartidas polo litoral galego que Afundación ten programadas para este ano 2025 no marco do proxecto PLANCTON. Este plan de conservación territorial impulsado pola Obra Social de ABANCA, que comeza a súa quinta edición, retirou xa máis de 95 toneladas de residuos dos fondos e costas da comunidade. Con esta iniciativa, Afundación procura fundamentalmente, e como principal eixo vertebrador do proxecto, promover a conservación e a sustentabilidade do conxunto de actividades sociais e económicas que se desenvolven no mar, especialmente en enclaves como este, un lugar protexido catalogado como Especial Zona de Protección para as Aves dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.

DATAS:

30/01/2025

HORARIO:

10:00 a 14:00 h

MODALIDADE:

Presencial