Máis de 45 persoas voluntarias dos Espazos +60 da Afundación participaron nunha nova actividade de voluntariado ambiental no marco de PLANCTON, no Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e nas lagoas de Carregal e Vixán.
Durante a xornada, as voluntarias e voluntarios traballaron na eliminación de plántulas de Pinus sp. para tratar de frear o avance do piñeiral que está a provocar alteracións na duna, como o aumento da vexetación e os consecuentes efectos de perda de mobilidade, ou a expansión do bosque de piñeiros, que está a colonizar un espazo ocupado orixinalmente pola area e o propio sistema dunar.
En total retiráronse máis de mil plántulas de piñeiros, suficientes para encher dúas sacas do tipo big bag cun peso superior aos 150 quilos. Ademais, realizaron varias acumulacións de piñas en determinados lugares que serán retiradas con posterioridade polas traballadoras e traballadores do propio Parque Natural, evitando así tamén a propagación dos piñeiros pola duna.
Actuacións deste tipo favorecerán poboacións de especies tan emblemáticas como a píllara das dunas ou o ameazado sapo de esporóns, ademais de diversas especies de flora propias destas dunas como a orquídea Spiranthes aestivalis ou a endémica Iberodes littoralis subsp. gallaecica, unha especie non rexistrada no Parque Natural desde 2007 e que recentemente foi reintroducida con éxito neste lugar.
Xunto coas plántulas dos piñeiros, as persoas voluntarias retiraron tamén moitos pés de Helichrysum foetidum, en total, máis de 7 quilos e medio desta outra especie exótica invasora.























