Máis de 30 voluntarios, convocados por Afundación a través do seu portal de voluntariado Actúa, participaron nunha actividade ambiental na duna de Corrubedo, co obxectivo de contribuír á conservación desta área natural de alto valor ecolóxico.
A xornada centrouse na retirada de plántulas e árbores novas de piñeiro (Pinus sp.), unha intervención necesaria dado o avance progresivo do piñeiral cara ao ecosistema dunar. A expansión gradual das coníferas está a invadir zonas propias da duna, alterando o seu equilibrio natural e mesmo comprometendo a súa mobilidade, un proceso clave para o mantemento deste tipo de hábitat.
Durante a xornada, os participantes colaboraron de forma coordinada na retirada manual de plántulas e árbores novas de piñeiro, así como doutras especies exóticas invasoras como a Conyza sp. e a margarida africana Arctotheca caléndula, nunha acción que combinou a concienciación ambiental e a intervención directa na zona. Ao final do día, a báscula reflectiu un total de máis de 45 quilos de plantas retiradas da duna, 3000 exemplares en total distribuídos en 1253 plantóns e piñeiros, 1752 de Conyza sp. e 40 exemplares de Arctotheca calendula.
Ademais, retiráronse máis de 10 kg quilos de lixo mariño da praia de Ladeira.
A iniciativa enmárcase no marco das actividades de voluntariado ambiental promovidas por Afundación, que teñen como obxectivo fomentar a participación cidadá na protección e restauración dos ecosistemas costeiros no marco do seu Plan de Conservación Territorial PLANCTON. Esta é a segunda acción deste tipo nesta zona, onde hai dous anos, voluntarios do Programa de Benestar Social de ABANCA retiraron máis de 1.000 plántulas de piñeiro.
A duna de Corrubedo e os seus arredores conforman un dos sistemas dunares máis representativos de Galicia, beneficiándose da protección que lles proporciona a súa inclusión dentro do sistema de parques naturais da rexión: o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán. Non obstante, este espazo natural enfróntase a varios desafíos de conservación debido á presión humana e á propagación de determinadas especies vexetais que alteran a súa dinámica natural. Polo tanto, accións como esta son fundamentais para preservar o carácter singular deste espazo natural, xa que contribúen directamente a manter o equilibrio dos seus ecosistemas e a frear procesos que poderían alterar a súa dinámica. Estas accións tamén promoven a conservación da biodiversidade da zona, protexendo os hábitats e as especies características do sistema dunar, garantindo a súa protección a longo prazo e o seu desfrute para as xeracións futuras.



































































