Máis de 43.000 fragmentos de plástico de orixe indeterminada ou máis de 9.000 cordas, cabos e cabiños, son algúns dos residuos retirados polas máis de 60 persoas voluntarias que participaron hoxe na xornada de limpeza de lixo mariño, convocadas a través de Actúa, o programa de voluntariado da Obra Social de ABANCA, e polo colectivo Arena Limpia.
Nesta ocasión, a actividade organizouse en resposta ao chamamento público realizado polo influencer galego Hugo Pérez, quen solicitou publicamente axuda para levar a cabo unha limpeza colectiva na praia de Area de Bon, en Bueu. O areal, un espazo protexido de alto valor ecolóxico integrado na Rede Natura 2000 dentro da ZEC Cabo Udra, viuse moi afectado polo impacto dos sucesivos temporais que azoutaron a comunidade ao longo do inverno.
As persoas voluntarias, ás que mesmo se uniron algunhas que estaban visitando a zona, conseguiron retirar case 280 quilos de residuos nun minucioso labor de recollida, reconto e clasificación, debido ao gran número e diversidade de obxectos localizados.
Repartidas en varios grupos, as persoas participantes percorreron o areal e, como é habitual nestas xornadas de limpeza de residuos, recolleron distintos obxectos relacionados coas actividades de recreo que se desenvolven no propio espazo, en áreas próximas ou que son arrastrados polo mar. Nesta ocasión contabilizáronse, tanto no areal como nas dunas, máis de 800 tapóns, chisqueiros, xiringas, un chaleco, pinzas, cartuchos de caza, botes e botellas de plásticos, vasiños, 29 latas, e outra serie de obxectos de orixe descoñecida e de difícil identificación por mor da súa deterioración ou fragmentación.
O voluntariado localizou así mesmo restos de aparellos e utensilios relacionados coa actividade pesqueira, como máis de 800 anacos de escumas sintéticas ou poliespán, 300 tarugos de batea, 12 nasas portuguesas ou máis de 95 quilos de madeiras tratadas con cravos e pinturas entre outros.
Con actuacións como a desenvolvida durante esta xornada a Obra Social de ABANCA, a través do programa PLANCTON, reafirma o seu compromiso coa protección do medio natural, impulsando iniciativas que contribúan á conservación e á sustentabilidade do conxunto de actividades socioeconómicas que teñen lugar en enclaves costeiros de gran riqueza ambiental.
Afundación procura así, dentro do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente o ODS 13 Acción polo clima, o ODS 14 Vida submarina e o ODS 17 Alianzas para lograr os obxectivos, promover unha cultura de responsabilidade ambiental baseada en formas de actuación respectuosas coa contorna, capaces de garantir a conservación dos recursos actuais sen comprometelos para as xeracións futuras.
A actividade contou coa colaboración do Concello de Bueu quen se encargará da xestión final dos residuos retirados.
























































































