PLANCTON 2026. Retirada de lixo mariño e flora exótica invasora nas praias de Aldán con motivo do Día da Terra

PLANCTON 2026: Conmmemoracióndo Día da Terra cos escolares de Aldán e O Hío

320  escolares, profesorado e veciños das parroquias canguesas de Aldán e O Hío convocados pola Plataforma Augas Limpas Aldán-Ou Hío e Afundación a través do seu programa PLANCTON, participaron nunha xornada conmemorativa do Día da Terra nas praias de San Cibrán, Os Picos e Vilariño.

Desde primeira hora da mañá, veciñas e veciños da zona e escolares dos centros educativos CPR Sacra Familia, CEIP Espiñeira e CEIP do Hío traballaron en equipo para retirar lixo mariño nos areais e eliminar diferentes especies de flora exótica invasora na duna e na contorna dos cantís. En total, e tras a finalización dos traballos de voluntariado, lograron retirar das praias destas dúas parroquias do concello de Cangas de Morrazo media tonelada de lixos mariños e plantas alóctonas invasoras.

Entre os residuos recolleitos hoxe destacan, por unha banda, os relacionados coa actividade pesqueira como pneumáticos, áncoras abandonadas, madeiras tratadas con cravos e pinturas, cabos e cabiños, tarugos de batea e numerosas redes, algunhas de gran tamaño, que estaban semisoterradas na area. Ademais, durante a acción de limpeza retiraron tamén lixo mariño procedente da actividade recreativa desenvolvida no propio areal e a súa contorna como botes e botellas de plástico, latas, envoltorios ou diversos plásticos de orixe indeterminada.

DÍA DA TERRA

A actividade enmárcase dentro das conmemoracións do Día da Terra 2026, aliñándose coa mensaxe que a Organización das Nacións Unidas quere transmitir este ano a través do lema «O noso poder, o noso planeta». Con el trátase de poñer en valor a importancia da acción colectiva como motor fundamental para impulsar cambios reais a favor do medio ambiente. Neste sentido, a sustentabilidade non debe entenderse como un esforzo individual illado, senón como o resultado da implicación conxunta da sociedade, das institucións e das comunidades.

Seguindo este principio e acorde ao lema proposto, a actividade desenvolveuse fomentando a participación activa, a concienciación ambiental e o compromiso con prácticas responsables que contribúan á protección do planeta. Deste xeito, refórzase a idea de que cada acción conta e de que, sumando esforzos, é posible construír un futuro máis sostible para as xeracións presentes e futuras. Todo iso acorde ao compromiso de Afundación e ABANCA cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, aliñándose cos principios que orientan o seu proxecto PLANCTON, especialmente co ODS 17 (Alianzas para lograr os obxectivos), o ODS 14 (Vida submarina) e o ODS 13 (Acción polo clima).

Ademais dos traballos de retirada de residuos e flora exótica invasora, a Alameda acolleu unha exposición cunha ampla selección de carteis e debuxos elaborados polo alumnado dos centros participantes con motivo desta celebración. Ademais, a Plataforma Augas Limpas Aldán-O Hío e Afundación organizaron unha gran cadea humana interxeracional, cun marcado protagonismo dos escolares, na que persoas de diferentes idades uníronse para dar un abrazo simbólico ao mar, como xesto de unión, respecto e compromiso coa súa conservación. Durante o acto, tamén se procedeu á lectura de tres manifestos e diversos lemas preparados polo alumnado de cada un dos centros educativos.

DATAS:

22/04/2026

HORARIO:

10:00 a 13:30 h