PLANCTON 2026. Retirada de lixo mariño e flora exótica invasora na illa de Sálvora

PLANCTON 2026: retirada de lixo mariño e flora exótica invasora na illa de Sálvora

Máis de 70 persoas voluntarias convocadas por Afundación participaron nunha nova xornada de voluntariado ambiental na illa de Sálvora, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. En total, o operativo permitiu retirar 216 quilos de residuos mariños e 42 de flora exótica invasora, contribuíndo así á mellora do estado de conservación deste espazo natural protexido.

O número de exemplares de flora exótica invasora localizados polas persoas participantes foi significativamente inferior ao de actuacións anteriores – pasouse de 500 quilos retirados na actuación de 2024 e 366 en 2025 aos 42 quilos que eliminaron esta mañá–, o que revela o impacto positivo deste tipo de programas de voluntariado medioambiental na conservación e mellora da contorna.

Ao longo da xornada, as persoas participantes dividíronse en diferentes grupos para desenvolver dúas actuacións complementarias dirixidas á conservación dos ecosistemas da illa: a retirada de lixo mariño nos areais e a eliminación de especies de flora exótica invasora en distintos puntos da illa.

Os traballos de recollida de residuos centráronse na praia de Almacén e en zonas de rochas onde as persoas voluntarias localizaron e retiraron principalmente útiles extraviados no exercicio da pesca ou do traballo relacionado cos cultivos mariños, como restos de cabos, cordas, redes, boias de distintos tamaños (237 delas pequenas) ou os tarugos plásticos que se empregan para evitar a caída dos mexillóns das cordas das bateas. Ademais, durante a limpeza tamén retiraron diversos obxectos relacionados coas actividades de ocio que se desenvolven nas costas e areais e que teñen un gran impacto nos ecosistemas mariños como plásticos, restos de envoltorios e envases, obxectos relacionados coa hixiene, tampas ou tapóns. Nos areais de Sálvora o voluntariado localizou hoxe tamén catro palés, un traveseiro, un pneumático, máis dun cento de envases e botellas plásticas e outra serie de residuos con orixe difícil de establecer debido ao seu deterioro e fragmentación tras longos períodos de tempo á intemperie.

O segundo grupo de voluntariado dedicou a xornada ao control e retirada de especies exóticas invasoras en diferentes puntos da illa seguindo as indicacións do persoal do Parque Nacional. Durante a mañá conseguiron retirar máis de 15,7 quilos de Helichrysum foetidum, vulgarmente coñecida como árnica falsa ou flor de San Xoán, e 26,3 quilos da bulbosa Amaryllis belladona. Ambas as plantas teñen unha gran capacidade colonizadora, desprazan a vexetación autóctona e alteran a composición dos hábitats ao modificar o equilibrio natural dos ecosistemas nos que se establecen.

Esta nova actuación dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos por Afundación en Sálvora no marco de PLANCTON. Nas edicións anteriores desta iniciativa neste mesmo arquipélago actuaron xa máis de 270 persoas voluntarias, que conseguiron retirar máis duns mil quilos de residuos mariños e máis de mil quilos e medio de flora exótica invasora, unhas cifras que evidencian o impacto positivo que a participación cidadá pode ter na conservación dos espazos naturais.

Unha actuación aliñada cos obxectivos de conservación do Parque Nacional

A eliminación de especies exóticas invasoras constitúe tamén unha das principais liñas de actuación do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Neste ámbito, a intervención realizada en Sálvora está aliñada cos obxectivos do proxecto europeo Life Insular, que busca mellorar o estado de conservación dos hábitats das illas atlánticas integradas na Red Natura 2000 e incrementar a súa capacidade de resposta fronte ás diferentes presións ambientais e aos efectos do cambio climático.

As actuacións de control da flora exótica invasora resultan especialmente relevantes para a conservación dos hábitats insulares, xa que permiten favorecer a recuperación da vexetación autóctona e reducir a presión exercida por especies introducidas sobre os ecosistemas naturais.

No caso dos residuos mariños, a súa retirada contribúe igualmente a reducir a presenza de materiais potencialmente perigosos para a fauna e a mellorar o estado ambiental dos areais e das zonas costeiras da illa.

PLANCTON, voluntariado ao servizo da conservación

A xornada de Sálvora forma parte das actuacións que Afundación desenvolve desde hai seis anos no marco do seu Plan de Conservación Territorial PLANCTON, unha iniciativa que ten como finalidade contribuír á conservación dos ecosistemas mariños e costeiros e promover un uso máis sostible do territorio e dos recursos naturais. O programa articúlase con diferentes accións de voluntariado, sensibilización, educación ambiental e conservación da biodiversidade, con especial atención á redución dos residuos no litoral, ao control e retirada de especies exóticas invasoras e á protección dos hábitats e especies de interese, implicando a cidadanía na protección do patrimonio natural e no fomento dunha maior conciencia sobre as principais ameazas que afectan os ecosistemas mariños e costeiros.

Con accións como esta, ABANCA e a súa Obra Social Afundación, a través de PLANCTON, procuran sensibilizar sobre a necesidade de revisar e mellorar os nosos hábitos e comportamentos para avanzar cara a unha relación máis responsable e respectuosa co medio e meirande garantía de que as xeracións futuras poidan seguir gozando dos seus recursos. Todo iso dentro do compromiso de ambas as entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente co ODS 13 (Acción polo clima), ODS 14 (Vida submarina), ODS 15 (Vida de ecosistemas terrestres) e ODS 17 (Alianzas para acadar os obxectivos), que evidencia o valor da colaboración entre institucións para impulsar iniciativas de sensibilización e protección do patrimonio natural.

DATAS:

26/09/2026

HORARIO:

10:00 a 18:00 h

MODALIDADE:

Presencial