PLANCTON 2026. Retirada de flora exótica invasora coa UIE na Senda do río Sar (Santiago de Compostela)

PLANCTON 2026: retirada de Tradescantia fluminensis das beiras do río Sar cos membros da comunidade educativa da UIE

Máis de 100 estudantes e membros do profesorado da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) participarán o próximo venres 11 se setembro nunha xornada de voluntariado ambiental nas ribeiras do río Sar, dentro do Parque Eugenio Granell en Santiago de Compostela, nunha actividade que combinará o compromiso coa conservación da contorna coa creación de espazos de encontro e convivencia entre os membros da comunidade universitaria.

Ao longo da xornada, os participantes centrarán os seus esforzos fundamentalmente na retirada de Tradescantia fluminensis, unha especie exótica invasora popularmente coñecida como amor de home ou orella de gato, especialmente problemática en zonas húmidas e de ribeira, xa que forma densos tapices de vexetación que cobren o solo, reducen a cantidade de luz que chega a el e dificultan a xerminación e o crecemento das especies autóctonas, podendo provocar o desprazamento da flora propia do ecosistema, dificultar a rexeneración natural da vexetación e contribuír á perda de biodiversidade.

A actividade ten tamén unha importante dimensión educativa e social. Ademais de fomentar a conciencia ambiental e promover hábitos responsables no coidado do medio, a xornada servirá como punto de encontro para os estudantes no inicio do novo curso académico, favorecendo a convivencia, o coñecemento entre compañeiros e o fortalecemento dos vínculos dentro da comunidade universitaria. O voluntariado convértese así nunha oportunidade para compartir unha experiencia fóra das aulas, traballar en equipo e reforzar o espírito de colaboración entre os alumnos.

As ribeiras do Sar constitúen un espazo de gran valor ambiental e paisaxístico para Santiago de Compostela. A súa conservación e recuperación require da implicación de toda a sociedade e, neste sentido, iniciativas como esta permiten achegar a protección do patrimonio natural á comunidade educativa e fomentar unha participación activa no coidado do territorio.

A xornada dá continuidade ao compromiso da UIE e da Obra Social de ABANCA coa promoción do voluntariado, a educación ambiental e a sostibilidade. A través destas actividades búscase que os participantes se impliquen de maneira directa na mellora dos espazos naturais e, ao mesmo tempo, comprendan a importancia de conservar os recursos do territorio sen comprometer o seu futuro.

A iniciativa intégrase nas accións desenvolvidas pola Obra Social de ABANCA no marco de PLANCTON e do programa «Educación para a sostibilidade», que promoven a sensibilización e a participación cidadá na protección dos ecosistemas galegos a través de actividades prácticas de conservación ambiental, e contará neste caso coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela quen se fará cargo de toda a planta retirada durante o transcurso da actividade.

DATAS:

11/09/2026

HORARIO:

10:00 a 14:00 h

ENTRADA:

Presencial