PLANCTON 2026. Presentación na Toxa da campaña Goza da praia sen deixar pegada

Afundación, en colaboración coa Confraría de Pescadores San Martiño e o Concello do Grove, presentou na illa de A Toxa unha nova edición da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», unha iniciativa de sensibilización ambiental que volve ao municipio tras o éxito alcanzado na súa primeira edición. O seu obxectivo é achegar ás persoas usuarias das praias información sobre a actividade marisqueira que se desenvolve nos areais e fomentar hábitos responsables que contribúan á conservación destes espazos naturais de gran valor ecolóxico e socioeconómico.

«Goza da praia sen deixar pegada» pretende concienciar tanto á veciñanza como ás persoas que visitan as praias con actividade marisqueira do Concello do Grove durante os meses de verán, sobre a necesidade de compatibilizar o desfrute recreativo coa protección da biodiversidade e o respecto ao labor das mariscadoras e mariscadores que desenvolven a súa actividade nestes ecosistemas.

No acto de presentación participaron Maria del Carmen Besada Meis, patrona maior da Confraría de San Martiño do Grove; Francisco Meis, técnico de medio ambiente do Concello do Grove; Manuel Cacheda, responsable de RSC de Afundación; Juan José Rodríguez Castro, director da oficina de ABANCA en O Grove e Saleta González Pimentel, directora técnica do proxecto PLANCTON.

Como parte da iniciativa, serán as propias mariscadoras e mariscadores da localidade as persoas encargadas de trasladar aos visitantes distintas recomendacións para contribuír á conservación do litoral, accións tan sinxelas como non deixar residuos na praia, aproveitar os paseos polos areais para recoller os refugallos que atopemos durante os mesmos, evitar enterrar ou deixar cabichas na area empregando cinceiros portátiis, ou empregar bolsas reutilizables para reducir o consumo de plásticos dun só uso e a conseguinte xeración de residuos.

A campaña incide tamén noutras prácticas complementarias de gran impacto ambiental, como empregar cremas solares respectuosas co medio mariño e aplicalas con antelación ao baño, evitar mover pedras e causar molestias aos organismos presentes na zona intermareal, respectar a fauna e flora do litoral evitando por exemplo a extracción furtiva de moluscos ou non acceder ás zonas de traballo marisqueiro sinalizadas, respectando deste xeito o labor das traballadoras do mar.

Paralelamente a estas actividades informativas que levarán a cabo as mariscadoras, instalouse unha exposición ao aire libre composta por tres tótems divulgativos nos que se explica a importancia da actividade marisqueira para a economía local, o valor da biodiversidade mariña e proporciónanse distintos consellos para un uso sostible e responsable dos areais. A mostra busca achegar ao público a realidade do marisqueo a pé e fomentar unha maior conciencia ambiental entre as persoas usuarias das praias.

«Goza da praia sen deixar pegada» forma parte dos programas de «Educación para a Sostibilidade» e PLANCTON impulsados por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Ambas as iniciativas foron galardoadas co primeiro Premio Nacional de Medio Ambiente de CECA polo seu compromiso coa conservación dos ecosistemas naturais, a promoción de hábitos sostibles e a sensibilización da cidadanía sobre a importancia da protección ambiental a través de iniciativas educativas, accións de voluntariado e proxectos de conservación, contribuíndo a fomentar unha maior conciencia ecolóxica e unha participación activa da sociedade no coidado da contorna.

DATAS:

02/07/2026

MODALIDADE:

Presencial