PLANCTON 2026. Limpeza de residuos nos fondos das praias de Baiona

Os fondos mariños das praias da Barbeira e Ribeira e do espigón DOCA, en Baiona, víronse libres dunha tonelada de lixo mariño trala xornada de voluntariado medioambiental desenvolvida no marco de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial impulsado pola Obra Social de ABANCA.

A iniciativa mobilizou a mergulladores da Confraría de Pescadores A Anunciada de Baiona, dos clubes de mergullo Club Subacuático Pérez-Sub, Club Terra dos Mares, A.D.C. Raspa, Club Neptuno das Rías Baixas e Club Ugari Sub de Biscaia e da Asociación Galega de Pescadores Submarinos Responsables (AGPESUR), que realizaron sucesivas inmersións para localizar e extraer residuos acumulados no medio mariño.

A actuación permitiu recuperar distintos obxectos, moitos deles aparellos de pesca extraviados durante o seu exercicio, como nasas, cabos, áncoras, pneumáticos empregados como defensas e outros útiles relacionados co sector pesqueiro. Os mergulladores atoparon ademais dun retrete, e como é frecuente neste tipo de accións, distintos residuos relacionados coa vida cotiá e as actividades de lecer, entre eles envases, botes, botellas, e outra serie de obxectos plásticos altamente contaminantes para os ecosistemas submarinos.

Mentres os equipos de mergullo traballaban nos fondos, o voluntariado convocado por ABANCA e Afundación e parte da corporación municipal do Concello de Baiona encargáronse das tarefas de apoio en terra, colaborando na recepción, clasificación e pesada dos materiais retirados do mar ao longo da xornada.

Con esta nova actuación, PLANCTON continúa ampliando os seus resultados e alcanza case as 162 toneladas de lixo mariño extraídas no conxunto de actuacións desenvolvidas ata o de agora en bancos marisqueiros, areais e outros espazos costeiros de Galicia, desde o inicio do proxecto en 2021.

A xornada contou coa implicación de numerosas entidades e organizacións que fixeron posible o desenvolvemento da actividade. Así, ademais do Concello de Baiona, que asumirá a xestión final dos residuos retirados do medio mariño; colaboraron tamén o Club de Iates Monte Real; a Federación Galega de Actividades Subacuáticas; ABANCA e a súa Obra Social, promotora do proxecto PLANCTON.

A colaboración entre administracións públicas, entidades sociais e deportivas, colectivos vinculados ao mar e persoas voluntarias volveu demostrar o valor do traballo conxunto á hora de afrontar os retos ambientais que afectan ao litoral galego. Grazas a esta actuación foi posible retirar dos fondos mariños numerosos residuos que supuñan unha ameaza para a fauna e a flora da contorna, contribuíndo á mellora do estado de conservación da costa de Baiona e reforzando a sensibilización cidadá arredor da protección dos ecosistemas mariños.

Esta nova intervención exemplifica os principios que inspiran o proxecto PLANCTON, baseado na suma de esforzos para avanzar cara a unha maior conservación do patrimonio natural galego. Un compromiso que se aliña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, especialmente co ODS 17 (Alianzas para lograr os obxectivos), o ODS 14 (Vida submarina) e o ODS 13 (Acción polo clima), convertendo cada actuación nun paso máis cara a un litoral máis limpo, saudable e resiliente.

DATAS:

13/06/2026

MODALIDADE:

Presencial