Os fondos da contorna litoral das praias da Barbeira e Ribeira e o espigón “DOCA”, en Baiona, acollerán unha nova acción de conservación ambiental centrada na retirada de residuos do medio mariño. Serán varios dos mergulladores da Confraría de Pescadores A Anunciada de Baiona, dos clubs de mergullo Club Subacuático Pérez-Sub, Club Terra dos Mares, A.D.C. Raspa, Club Neptuno das Rías Baixas e Club Ugari Sub de Biscaia e da Asociación Galega de Pescadores Submarinos Responsables (AGPESUR), quen levarán a cabo as labores de inspección e limpeza dos fondos destas zonas costeiras coa finalidade de eliminar os residuos que afectan ao ecosistema mariño.
A actuación enmárcase dentro de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial promovido pola Obra Social de ABANCA que impulsa actuacións de recuperación ambiental en diferentes puntos do litoral galego e que acumula xa máis de 160 toneladas de residuos retiradas das costas da comunidade.
Ao tempo que os equipos de mergullo desenvolvan o seu traballo baixo a auga, o resto de persoas voluntarias convocadas por ABANCA e Afundación realizarán tarefas de recollida, clasificación e pesada de todos os residuos facilitados polos bucios.
A xornada contará tamén coa participación de diversas entidades e organismos públicos e privados que colaborarán en aspectos loxísticos, de seguridade e coordinación entre as que é preciso sinalar o Concello de Baiona que se fará cargo dos residuos, Protección Civil de Baiona, o Clube de Iates Monte-Real e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, nunha suma de esforzos exemplifica a importancia do traballo conxunto para afrontar os retos ambientais actuais e avanzar cara á protección efectiva dos ecosistemas costeiros
O obxectivo principal desta actuación é mellorar o estado de conservación do litoral de Baiona, reducir o impacto do lixo mariño sobre a fauna e a flora e promover unha maior concienciación social sobre a necesidade de preservar os recursos naturais para as xeracións futuras.