PLANCTON 2026. Limpeza de lixos nos meandros do río Sar

PLANCTON 2026_retirada de residuos dos meandros do Sar, nos concellos de Dodro e Padrón
Máis de 20 persoas voluntarias de PLANCTON, o plan de conservación territorial promovido por Afundación, dedicaron os seus esforzos a retirar residuos  dos meandros do río Sar entre os concellos de Dodro e Padrón. Como en cada unha das xornadas de recuperación ambiental do voluntariado de PLANCTON, logo do traballo de extracción do lixo dos meandros chegaría o momento da pesaxe: un total de 1579,5 quilogramos de residuos. 

Nos meandros nos que traballaron as voluntarias e os voluntarias de PLANCTON había máis de 300 botellas de vidro, principalmente de viño, cervexa e gasosa, e máis de 400 botellas de plástico de aceite, produtos de limpeza, etc. Tamén había nos meandros grandes plásticos agrícolas, caixas de bebidas, calzados, lámpadas, capachos e mesmo cadeiras plásticas e obxectos voluminosos coma lavadoras, unha hidrolimpadora, pneumáticos, rodas de bicicleta, taburetes, un patinete infantil e unha cadeira de coche para nenos.

O voluntariado de PLANCTON atopou e retirou, ademais, enseres domésticos antigos tales coma potas e tarteiras de cociña que probablemente levaban moitos anos no corpo fluvial que levaban anos acumulándose no fondo.

A actividade contou coa colaboración dos concellos de Dodro e Padrón, asumindo este último a xestión final dos residuos retirados. E tamén apoiaron esta iniciativa os axentes de distrito da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia: encargáronse de facilitar a localización dos lixos durante os labores previos de planificación da actividade.

PLANCTON adéntrase deste xeito no continente na procura da orixe dos lixos mariños. A maioría dos estudos coinciden en sinalar que arredor do 80% dos residuos atopados tanto na costa como no medio mariño teñen a súa orixe en actividades realizadas en terra firme, mentres que só un 20% proceden de actividades desenvolvidas no mar.

Despois desta nova xornada de voluntariado ambiental, son xa case 161 as toneladas de residuos retiradas polas persoas voluntarias que teñen participado no conxunto de actividades deste Plan de Conservación Territorial que non se detén, e xa ten previstas novas actuacións para as próximas semanas, entre elas, unha limpeza con mergulladores nos fondos da ría de Baiona.




DATAS:

06/06/2026

HORARIO:

10:00 a 14:00 h

MODALIDADE:

Presencial