241 paus de batea, máis de 100 cabichas, case 2000 anacos de cordas e cabos ou 7500 fragmentos de obxectos plásticos indeterminados son algúns dos refugallos, que suman case 165 quilos de lixo mariño, retirados durante a xornada polo voluntariado convocado por Afundación na praia da Ladeira, no espazo natural de Corrubedo, no Concello de Ribeira. Esta nova actuación desenvolvida no marco de PLANCTON, ten como obxectivo contribuír á conservación dos ecosistemas costeiros de Galicia, á prevención da xeración de residuos e á sensibilización da cidadanía sobre a importancia de protexer o litoral.
A actividade contou coa colaboración do Concello de Ribeira, de Grip Surf School, da xoiería Jael e do equipo do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.
Ao longo da mañá, as máis de 40 persoas voluntarias participantes localizaron e retiraron da praia diferentes tipos de residuos procedentes de actividades marítimas e pesqueiras como paus de batea, cabos, cordas, nasas, unha rede enmarañada de gran tamaño, sedelas, anacos de espumas sintéticas, etc. Os participantes atoparon tamén, como é frecuente neste tipo de accións, distintos obxectos relacionados coa vida cotiá e as actividades de lecer, entre eles envases, botes, botellas, botes e botellas de vidro, plástico ou aluminio, tapóns, envoltorios, cabichas, xoguetes, calzado, artigos relacionados coa hixiene persoal, e outros refugallos de pequeno tamaño cuxa orixe é difícil de establecer debido á súa fragmentación e deterioración tras estar á intemperie ou no mar.
Durante todo o operativo, as persoas voluntarias e o equipo de coordinación clasificaron e pesaron os residuos recollidos co fin de intentar determinar posteriormente a súa orixe e avaliar o seu impacto. Un traballo voluntario que permite actuar directamente sobre un problema ambiental que afecta de maneira especial aos ecosistemas costeiros: o abandono e a mala xestión dos residuos, que poden acabar sendo transportados polo vento, os cursos de auga ou as correntes mariñas e converterse en lixos mariños, con impacto directo sobre a biodiversidade e a calidade dos espazos naturais.
PLANCTON, tamén desde a prevención
A participación nas limpezas permite ás persoas voluntarias coñecer de primeira man a dimensión do problema do lixo mariño e convídaas a reflexionar sobre a necesidade de previr desde a orixe, mellorar os hábitos de consumo e garantir unha correcta xestión dos refugallos para evitar que cheguen ao medio natural.
Un espazo de gran valor ambiental
As actuacións desenvolvidas en Corrubedo teñen especial relevancia polo valor ambiental desta contorna. O Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán está declarado Parque Natural e conta, ademais, con diferentes figuras de protección ambiental, entre elas a súa integración na Rede Natura 2000, como Zona Especial de Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), ademais da consideración de zona húmida protexida e o recoñecemento como zona húmida de importancia internacional Ramsar.
A conservación destes espazos require a implicación das administracións, entidades, colectivos locais e cidadanía, tal e como fixeron hoxe as distintas entidades que colaboraron na actividade. É precisamente nesta liña de colaboración na que se integra PLANCTON, buscando sumar esforzos para a protección dos ecosistemas costeiros e promover unha maior conciencia social arredor dos problemas ambientais que afectan o litoral. Todo iso seguindo a liña marcada polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, como o ODS 17: Alianzas para lograr os obxectivos; ODS 13: Acción polo clima, ODS 14: Vida submarina ou ODS 15: Vida de ecosistemas terrestres.








































































