PLANCTON 2026. Limpeza de lixo mariño na praia de Doniños

PLANCTON 2026: limpeza de lixo mariño na praia de Doniños

A praia da Doniños, no Concello de Ferrol, foi o escenario dunha nova xornada de limpeza de lixo mariño convocada por Afundación, a Obra Social de ABANCA no marco do seu proxecto PLANCTON.

As máis de 20 persoas voluntarias que formaban o operativo, iniciaron os traballos de recollida de lixo a primeira hora da mañá. Como é habitual nestas xornadas, localizáronse residuos relacionados coa actividade profesional vinculada ao mar e outra serie de obxectos relacionados coas actividades de lecer e recreo desenvoltas no propio espazo natural ou procedentes da vida cotiá na rúa e nos fogares. 255 quilos en total.

Ademais da laboriosa recollida de máis de 5000 plásticos de entre 1 e 2 centímetros ou máis de 500 bastonciños dos oídos, nesta ocasión contabilizáronse 264 botes e botellas, 150 plásticos de tamaño medio, 676 tapóns de plástico e máis de 10 bolígrafos. Tamén retiraron do areal un neopreno, botes de vidro de encurtidos, zumes, medicinas ou auga, xiringas, cepillos de dentes, toalliñas, ou restos de envases, bolsas e envoltorios, e outra serie de obxectos de orixe descoñecida e de difícil identificación por mor da súa deterioración ou fragmentación.

O voluntariado localizou así mesmo restos de aparellos e utensilios relacionados coa actividade pesqueira, entre eles máis de 550 cabos e cabiños, 162 anacos de escumas sintéticas ou poliespan, 88 pezas de madeira tratadas con cravos e pintura, e cordas, sedelas ou nasas, entre outros.

Aínda que as cifras de residuos recolleitos son relevantes, o principal obxectivo da Obra Social de ABANCA, a través do proxecto PLANCTON e do seu programa «Educación para a sostibilidade», é concienciar sobre o problema que xeran os residuos no mar e a necesidade de cambiar e mellorar moitos dos nosos hábitos de comportamento no medio que aseguren ás xeracións futuras o uso e goce dos recursos naturais. Todo iso acorde cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible cos que se aliña este plan, fundamentalmente o ODS 17 Alianzas para Lograr os Obxectivos, o ODS 14 Vida Submarina e o ODS 13 Acción polo Clima.

A actividade contou coa colaboración do Concello de Ferrol quen se encargou da xestión final dos residuos retirados da praia durante esta xornada de voluntariado.

DATAS:

28/02/2026

HORARIO:

10:00 a 14:00

MODALIDADE:

Presencial