No marco do programa PLANCTON de Afundación, os expertos en malacoloxía Juan E. Trigo e César Lodeiros Seijo, do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global da USC, impartirán o vindeiro martes 3 de novembro, no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), unha charla sobre a problemática dos moluscos exóticos e invasores en Galicia. Durante a sesión, analizarán, entre outros aspectos, a presenza destas especies no litoral galego e os desafíos que supoñen para a conservación do medio mariño e das especies autóctonas.
A sesión ofrecerá unha aproximación á chegada de moluscos exóticos ás costas galegas e ás diferenzas entre as especies exóticas e aquelas que desenvolven un comportamento invasor, con especial atención a esta problemática e ás súas implicacións ambientais e socioeconómicas.
Con esta iniciativa, Afundación continúa a traballar a través de PLANCTON para achegar o coñecemento científico á sociedade e sensibilizar sobre os principais retos ambientais que afectan ao litoral galego, favorecendo unha maior conciencia sobre a importancia de preservar a súa biodiversidade.
A actividade conta coa colaboración do IGAFA e da Confraría de pescadores de San Xulián da Illa de Arousa, cunha clara orientación ao colectivo estudantil e profesional de ambos entes.