PLANCTON 2026. Conferencia en Vigo sobre a problemática dos moluscos exóticos e invasores de Galicia

Conferencia en Vigo sobre a problemática dos moluscos invasores de Galicia

Afundación, no marco do seu programa PLANCTON, celebrará o martes 10 de novembro, ás 18.00 h, no salón de actos do Edificio Virxe do Carme do Porto Pesqueiro do Berbés, en Vigo, unha nova conferencia dedicada á problemática dos moluscos exóticos e invasores en Galicia. A sesión, que contará coa participación dos expertos malacólogos Juan E. Trigo e Cesar Lodeiros Seijo, do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global da USC, permitirá afondar na presenza destas especies nas costas galegas, así como nos riscos que poden representar para os ecosistemas mariños e para as actividades económicas vinculadas ao mar.

Ao longo do encontro abordaranse cuestións relacionadas coa introdución e expansión de especies alóctonas no litoral galego, distinguindo entre as que amosan ou non carácter invasor, unha temática que resulta de especial interese para os colectivos marisqueiro e pesqueiro, xa que a introdución e expansión de especies exóticas invasoras pode ter consecuencias directas sobre ambos recursos, ao competir coas especies autóctonas, alterar os hábitats mariños e modificar o equilibrio dos ecosistemas dos que dependen estas actividades. Coñecer mellor esta problemática e as súas posibles repercusións económicas e produtivas é fundamental para anticiparse aos seus efectos, favorecer a protección dos recursos naturais e contribuír á sustentabilidade e ao futuro destes sectores do mar galegos.

DATAS:

10/11/2026

HORARIO:

18:00 h

ENTRADA:

Gratuita

MODALIDADE:

Presencial