O concello de Muros acolleu esta unha nova actividade divulgativa de PLANCTON centrada na problemática dos moluscos exóticos e invasores en Galicia. A conferencia, impartida polos expertos Juan E. Trigo e César Lodeiros Seijo, do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global da Universidade de Santiago de Compostela (USC), espertou un notable interese entre as persoas asistentes, cunha participación activa do público e un intercambio de reflexións arredor dos retos que afronta o medio mariño. A iniciativa contou coa colaboración do Concello de Muros e da Confraría de Pescadores de Muros.
Durante o encontro, os especialistas explicaron como determinadas especies de moluscos procedentes doutros territorios poden chegar ás costas galegas, establecerse e expandirse, así como as diferenzas entre a presenza dunha especie exótica e o comportamento invasor. A través de exemplos e explicacións científicas, abordaron os factores que favorecen a súa proliferación e os efectos que poden ocasionar sobre as especies autóctonas e os hábitats mariños.
Un dos aspectos destacados da sesión foi a relación entre esta problemática ambiental e a actividade económica das localidades costeiras. A competencia polos recursos, a depredación e a alteración dos ecosistemas poden afectar ás poboacións de especies de interese comercial e, en consecuencia, ao traballo dos profesionais da pesca, dos cultivos mariños e do marisqueo. Neste sentido, os relatores incidiron na importancia da vixilancia do litoral, da identificación temperá de novas introducións e do coñecemento científico para anticiparse aos posibles impactos.
A conferencia tamén permitiu coñecer diferentes vías de actuación fronte a estas ameazas, desde o seguimento das especies xa asentadas ata a investigación de medidas de control e prevención. A participación e o interese amosados polo público puxeron de manifesto a importancia de achegar este tipo de información tanto aos colectivos que manteñen unha relación directa co mar como e á cidadanía en xeral.
A presenza de PLANCTON en Muros vai máis alá das actividades divulgativas. No marco do proxecto xa se desenvolveron diversas xornadas de limpeza de praias e fondos marisqueiros coa participación do colectivo mariscador, así como campañas de sensibilización e boas prácticas ambientais nos areais. Estas accións buscan reducir a xeración e o abandono de residuos, promover o coidado dos espazos costeiros e fomentar o respecto polo traballo das mariscadoras e dos mariscadores, contribuíndo a unha convivencia responsable entre os distintos usos do litoral.
PLANCTON promove a protección dos ecosistemas costeiros e mariños mediante a educación ambiental, a divulgación científica e a participación activa da cidadanía a través do voluntariado. Grazas á colaboración con entidades e colectivos locais, o programa traballa para achegar o coñecemento ambiental á sociedade e impulsar accións concretas que contribúan á conservación do patrimonio natural galego para garantir o seu uso e desfrute para as xeracións do futuro.
A colaboración do Concello de Muros e da Confraría de Pescadores de Muros nesta iniciativa pon de relevo o valor do traballo conxunto entre administracións, entidades do sector pesqueiro e comunidade científica para avanzar na protección da biodiversidade mariña e na sustentabilidade dos recursos naturais. Esta cooperación está aliñada co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 17 (ODS 17), Alianzas para lograr os obxectivos, que destaca a importancia de establecer acordos e sumar esforzos entre diferentes axentes sociais e institucionais para dar resposta aos retos ambientais, unha alianza que, a través de iniciativas como PLANCTON, permite impulsar accións compartidas en favor da conservación do litoral e do futuro das comunidades costeiras.























