PLANCTON 2026. Conferencia en Muros sobre a problemática dos moluscos exóticos e invasores en Galicia

PLANCTON conferencia sobre moluscos exóticos e invasores en Galicia. Muros.

Afundación celebrará o vindeiro xoves 19 de novembro, ás 18.00 h, na Sá Grande da Antiga Conserveira de Sel, en Muros, unha nova conferencia sobre a presenza e expansión dos moluscos exóticos e invasores nas costas galegas. A sesión estará impartida polos expertos en malacoloxía Juan E. Trigo e César Lodeiros Seijo, do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global da Universidade de Santiago de Compostela, que analizarán as consecuencias ambientais e socioeconómicas da introdución destas especies no medio mariño.

A cita de Muros será a terceira parada deste ciclo divulgativo, impulsado no marco de PLANCTON, tras os encontros celebrados no IGAFA, en colaboración coa Confraría de Pescadores de San Xulián da Illa de Arousa, e en Vigo, coa participación da Autoridade Portuaria e da Confraría de Pescadores San Francisco. A iniciativa busca achegar esta problemática a diferentes puntos do litoral e, especialmente, aos profesionais que desenvolven a súa actividade arredor dos recursos mariños, fundamentalmente coa pesca, os cultivos mariños e o marisqueo.

Durante a conferencia abordaranse as diferenzas entre especies exóticas e invasoras, os seus mecanismos de expansión e os posibles efectos sobre as especies autóctonas e os ecosistemas. Un coñecemento especialmente relevante para o sector do mar, pola incidencia que estas especies poden chegar a ter sobre os recursos e a actividade económica das comunidades costeiras.

A charla conta coa colaboración do Concello de Muros e da Confraría de Pescadores de Muros, reforzando así a implicación das entidades locais na divulgación e conservación do patrimonio natural mariño e os servizos ecosistémicos vinculados ao mesmo, de especial relevancia nos ámbitos social e económico galegos.

DATAS:

19/11/2026

HORARIO:

18:00 h

ENTRADA:

Gratuita

MODALIDADE:

Presencial