PLANCTON 2026. Afundación presenta en Ribeira unha campaña e unha guía de boas prácticas para promover a redución do lixo nos mercados e minimizar a súa chegada ao mar.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentou en Ribeira unha nova campaña de sensibilización ambiental, desenvolvida no marco do seu Plan de Conservación Territorial-ON (PLANCTON), que ten como obxectivo fomentar a prevención e correcta xestión dos residuos nos mercadillos ambulantes e contribuír así a evitar que cheguen ao  medio natural, especialmente, ao mar.

No acto de presentación, desenvolvido no propio mercado e coincidindo coa súa celebración, participaron Vicente Mariño, concelleiro de Mercados e Fernando Abraldes Pérez, concelleiro delegado do Mar, Promoción do Litoral e Festexos; Sofía Pego Cores, xefa de servizos de Urbaser da zona do Barbanza, Saleta González Pimentel, directora técnica do proxecto PLANCTON; Manuel Cacheda, responsable de RSC de Afundación e José Segundo Bouzas Dios, director da oficina de ABANCA en Ribeira.

A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ribeira, Portos de Galicia, Urbaser e Ecoembes, está dirixida aos tres colectivos clave que interveñen nos mercados ambulantes: os concellos como entidades xestoras destes espazos comerciais, os feirantes e a clientela, co fin de avanzar cara a uns mercados máis sostibles.

A campaña promove a adopción de boas prácticas ambientais adaptadas a cada un destes grupos, incidindo na importancia de reducir a xeración de residuos, favorecer a súa correcta separación e fomentar hábitos responsables que contribúan á conservación do territorio e dos ecosistemas costeiros, xa que a gran maioría deste tipo de eventos, ten lugar nas proximidades dos ríos ou do mar.

Como parte desta acción, instaláronse no recinto do mercado ambulante varios tótems informativos nos que se recollen distintas recomendacións prácticas dirixidas tanto ao colectivo de comerciantes como a súa clientela, un contido que se pode consultar máis amplamente na páxina web do proxecto PLANCTON, e que servirán como ferramenta de sensibilización permanente, lembrando a importancia de manter limpo o espazo público e de realizar unha adecuada xestión dos residuos xerados durante a actividade comercial.

Ademais, a campaña contempla a repartición de bolsas reutilizables entre a clientela, co fin de fomentar alternativas sostibles ás bolsas dun só uso e promover hábitos de consumo máis respectuosos co medio ambiente.

Por outra banda, os feirantes recibirán tamén bolsas reutilizables destinadas á separación dos residuos xerados durante a celebración do mercado, facilitando así a súa correcta clasificación e posterior reciclaxe. Estas bolsas permitirán recoller de xeito diferenciado materiais habitualmente presentes nesta actividade, como bolsas de plástico, etiquetas, papeis, caixas e embalaxes de cartón, e outros residuos derivados da venda ambulante.

A través desta iniciativa, que forma parte do proxecto PLANCTON, Afundación reforza o seu compromiso coa protección do medio ambiente e coa promoción de modelos de consumo e xestión de residuos máis responsables. Unha iniciativa que, neste caso,  desenvolve en colaboración coas administracións, o sector comercial e a cidadanía para previr a contaminación e preservar os ecosistemas mariños e costeiros. Todo iso acorde coa liña marcada polos ODS das Nacións Unidas, que constitúen a folla de ruta deste proxecto, fundamentalmente os ODS 17 (Alianzas para lograr os obxectivos), ODS 14 (Vida submarina) e ODS 13 (Acción polo clima), convertendo cada actuación nun paso máis cara a un litoral máis limpo, saudable e resiliente.

DATAS:

04/07/2026

HORARIO:

11:00 h