PLANCTON 2025. Limpeza de lixos mariños e retirada de flora exótica invasora na illa de Ons

PLANCTON 2025: limpeza de lixo mariño e retirada de especies exóticas invasoras na illa de Ons, Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Preto de 80 persoas, convocadas por Afundación, a Obra Social de ABANCA, a través do seu programa de voluntariado Actúa, participaron nunha  xornada de voluntariado ambiental en diversos enclaves da Illa de Ons na que, en dous grupos diferenciados, retiraron case unha tonelada de plantas exóticas invasoras e lixo mariño.

A actividade de eliminación de flora exótica invasora realizouse conforme ás indicacións do persoal técnico do parque nacional, implicado nestes momentos no proxecto europeo Life Insular, que procura promover un adecuado estado de conservación dos diferentes hábitats das illas pertencentes á Rede Natura 2000 situadas no Océano Atlántico.  O seu obxectivo é, así mesmo, aumentar a resiliencia da contorna como medida de adaptación ao cambio climático. Nesta ocasión, os diferentes grupos de persoas voluntarias lograron retirar un total de 625 quilos de plantas  e brotes de Helichrysum foetidum, coñecida como «Falsa árnica» ou «Perpetua hedionda», orixinaria de Sudáfrica, que xera unha gran cantidade de diásporas que se dispersan grazas ao vento, e que colonizan rapidamente, especialmente espazos desprovistos de vexetación por impactos recentes.

Por outra banda, persoas voluntarias divididas en varios equipos traballaron nas zonas de Coídos de Liñeiros e da Baía de Cova Vella e nas  dunas e cantís de Canexol, Melide e Area dos Cans, zonas nas que conseguiron retirar máis de 370 quilos de residuos. Nesta xornada de voluntariado ambiental localizáronse fundamentalmente obxectos plásticos como botes, botellas, tapóns, envoltorios e outros obxectos de menor tamaño difíciles de clasificar por mor do seu estado, así como distintos aparellos de pesca extraviados durante a súa práctica, como redes, cabos e cabitos, anacos de poliespan ou paus de batea. Tamén numerosos fragmentos de cristais, un bote de spray, un palé ou diversos anacos de madeira tratada.

Esta foi xa a novena vez que o voluntariado de PLANCTON actúa nalgunha das illas do parque nacional nos cinco anos de andaina do proxecto nos que, sumando os desta xornada, retiráronse dos seus diferentes arquipélagos máis de 1800 quilos de plantas exóticas invasoras e 2100 de lixos mariños, contribuíndo deste xeito á mellora da saúde duns ecosistemas tan fráxiles como os insulares. Ademais do impacto positivo desta retirada de residuos, o obxectivo principal deste proxecto PLANCTON promovido por Afundación, é trasladar a todos os ámbitos da sociedade a importancia de poñer en práctica condutas responsables que permitan manter os ricos recursos dos que podemos gozar na actualidade sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras.  Todo iso en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, entre eles o ODS13 Acción polo clima, o ODS14 Vida submarina, o ODS15 Vida de ecosistemas terrestres, e o ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, como na acción de hoxe que foi posible grazas á  colaboración do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

DATAS:

31/05/2025

MODALIDADE:

Presencial