PLANCTON 2025. Limpeza de lixos mariños e retirada de flora exótica invasora en Area da Cruz

PLANCTON 2025: limpeza de lixos mariños e retirada de flora exótica invasora en Area da Cruz, O Grove.

Máis de 135 voluntarios participaron nunha xornada de voluntariado ambiental no areal grovense de Area da Cruz, centrada tanto na retirada de lixos mariños da praia como na eliminación de diversas especies de flora exótica invasora que están a colonizar a duna.

Na actividade participaron alumnos do IES As Bizocas e persoas voluntarias do Espazo +60 Afundación. O primeiro grupo centrouse na eliminación de especies botánicas invasoras, principalmente unlla de gato (Carpobrotus edulis), margaridas africanas (Gazania rigens e Artotheca calendula) e glicinas (Wisteria sp.), especies que xa foron tratadas con éxito en anteriores actividades desenvolvidas no marco de PLANCTON neste mesmo lugar. Traballar periodicamente nunha mesma zona ten como obxectivo controlar o rebrote e evitar así a súa propagación por toda a duna e a colonización da zona, protexendo a flora autóctona destes ecosistemas dunares. Nesta ocasión, os voluntarios participantes lograron eliminar máis de 1.148 quilos de plantas.

O segundo grupo de participantes convocado para esta xornada de traballo ambiental centrouse na retirada de lixos mariños, fundamentalmente da parte superior da Praia, coincidindo coas liñas de arribazón. Recolléronse máis de 85 quilos de residuos, principalmente artes de pesca e utensilios perdidos durante a mesma, como cordas, nasas, anacos de redes e liñas de pesca enmarañadas, así como tarugos plásticos dos utilizados nas bateas de mexillón para evitar a súa caída das cordas. Xunto a estes, retiráronse obxectos plásticos de uso cotián, cuxa orixe atopámola fundamentalmente en terra firme, como latas, frascos, botellas de plástico ou de vidro, envases, envoltorios, bastonciños plásticos de limpar os oídos, tapas e tapóns, escumas sintéticas, paus de lambetadas, cabichas de cigarros e outros obxectos de orixe descoñecida.

A actuación de hoxe foi a quinta dos últimos dous anos ao abeiro deste plan de conservación territorial na contorna de Área da Cruz, lugar onde a cantidade total de lixo e plantas exóticas invasoras recollidas xa alcanzou as 3,5 toneladas. Esta nova iniciativa contou coa colaboración do Concello do Grove, que achegou ferramentas e se encargou da ulterior xestión dos residuos e plantas retiradas.

A través destas actividades, Afundación busca, a través de PLANCTON, promover a conservación e a sustentabilidade das actividades económicas e recreativas que se desenvolven tanto no litoral como no mar, especialmente nas zonas de influencia das Zonas de Especial Protección para as Aves Mariñas de Galicia, a Rede Natura 2000, buscando inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais.

DATAS:

11/04/2025

MODALIDADE:

Presencial