PLANCTON 2025. Limpeza de lixo mariño na praia do Orzán (A Coruña)

PLANCTON 2025. Limpeza de lixo mariño na praia do Orzán con Down Coruña e o Espazo +60 A Coruña

Preto de 20 persoas, fundamentalmente voluntarias da asociación Down Coruña e do Espazo +60 Afundación da cidade herculina, participaron nunha xornada de voluntariado ambiental dedicada á retirada de lixos mariños da praia urbana do Orzán, sensiblemente castigada tralo paso dos últimos temporais deste inverno.

O operativo de limpeza, repartido en grupos ao longo de toda a praia, centrou o traballo en localizar todo tipo de residuos, principalmente de pequeno tamaño, moi difíciles de quitar nas limpezas de praia realizadas con maquinaria e que producen un alto impacto no medio mariño. As voluntarias e voluntarios retiraron obxectos voluminosos como un colchón, dous palés, un pneumático ou dúas mochilas; distintas pezas de roupa e outros restos téxtiles, calzado, unha xiringa, unha maquina de afeitar ou un chupete; artigos de hixiene persoal como panos desbotables, tampóns ou bastonciños, que chegan aos areais tras ser lanzados indebidamente polo inodoro.  Tamén se retiraron durante esta acción ambiental numerosos plásticos degradados sen identificar, algúns cabos e paus de batea, restos de envoltorios ou cabichas. Así mesmo en distintos puntos do areal había numerosos restos de botellas de plástico e latas, procedentes principalmente da práctica do botellón. 

Unha vez, realizados os labores de clasificación púxose fin a actividade co reconto e peso dos residuos recolleitos, sumando un total de 140 quilos.

Afundación procura con este tipo de actividades inculcar na sociedade xeitos de actuar responsables coa contorna que axuden a protexela e conservala nas mellores condicións para as xeracións futuras, todo elo no marco do seu compromiso cos obxectivos de desenvolvemento sostible, de xeito especial cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr os obxectivos, implicando na actividade a diversos colectivos do terceiro sector coma na xornada de hoxe.

DATAS:

11/02/2025

MODALIDADE:

Presencial