PLANCTON 2024. Retirada de flora exótica invasoras das dunas de Area da Cruz (O Grove)

PLANCTON 2024: retirada de flora exótica invasora en Area da Cruz, O Grove.

Máis de 60 estudantes de ensino secundario do IES As Bizocas participaron dunha intensa xornada de voluntariado ambiental focalizada na retirada de diferentes especies exóticas invasoras das dunas da praia grovense de Area da Cruz, fundamentalmente Carpobrotus edulis, coñecida popularmente como unlla de gato ou herba do coitelo, a margarida africana Gazania rigens e gramón.

Os traballos na duna desenvolvéronse durante toda a mañá e, ao final de xornada, foron máis de 1100 os quilos que se conseguiron retirar deste lugar tan sensible, que aos poucos, e grazas a iniciativas coma esta, semella que vai recuperando os valores naturais que atesoura, e no que as especies halófilas que precisan elevados niveis da sal nos solos, atopan un lugar privilexiado para vivir, entre elas, diferentes euforbias, o cardo da ribeira Eryngium maritimm, a cebola das gaivotas Pancratium maritimum, ou o alelí das praias por citar algunhas.

Do mesmo xeito que ocorrera na vez anterior que se traballou neste mesmo lugar, a actividade contou coa colaboración do Concello do Grove, quen facilitou sacos para a recollida e ferramentas, ademais de encargarse da ulterior xestión das plantas exóticas invasoras retiradas do lugar.

Ademais, retiráronse da duna e da praia, máis de 21 quilos de lixo mariño, fundamentalmente bolsas e outros envoltorios plásticos, botes, botellas, bastonciños plásticos de limpar os oídos e de lambetadas, tarugos plásticos das bateas, tapóns, cápsulas de café, cordas, cabos, cabiños, sedelas enmarañadas e pequenos anacos de redes.

Con este tipo de actuacións Afundación procura a través de PLANCTON fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades realizadas na costa e no mar, especialmente na área de influencia das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño de Galicia, Rede Natura 2000, tratando de inculcar una conciencia sostible en todos os sectores sociais da comunidade.

DATAS:

04/10/2024

HORARIO:

10:00 a 14:00 h