PLANCTON 2024. Limpeza de lixo mariño na praia de Riazor

PLANCTON 2024_Limpeza na praia de Riazor.

Máis de 40 persoas, integrantes do programa de voluntariado corporativo Actúa de Afundación e ABANCA, participaron nunha intensa xornada traballo dedicada á retirada de lixos mariños da praia de Riazor, na cidade da Coruña no marco de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial impulsado pola Obra Social de ABANCA.

Durante as case que tres horas que durou a actividade, retiráronse 21 quilos de basura mariña, fundamentalmente pequenos obxectos plásticos como tapas e tapóns, restos de envoltorios, botes e botellas, anacos de vidros, papel e cartón, roupa e restos textís, cabichas, tiritas ou toallas hixiénicas,  cabichas e artigos procedentes da pesca como  pequenos anacos de sedelas, cabos e cabiños, entre outros. Rematado o labor de clasificación do lixo recollido realizouse a pesada dos obxectos coa que rematan sempre estas xornadas de limpeza en praias, tanto os de orixe pesqueira como os de orixe continental relacionados fundamentalmente con actividades recreativas ou de lecer.

O proxecto ten como obxectivo fomentar a conservación dos ecosistemas e a sostibilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas no mar e na costa.  Trátase de promover en todos os ámbitos formas de actuar responsables que faciliten o mantemento dos actuais recursos sen comprometelos para as xeracións do futuro, en liña co firme compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente, neste caso, cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.