Nesta ocasión foron 75 persoas as que participaron en Sálvora nunha intensa xornada a prol do medio ambiente en diferentes lugares da illa.
Por unha banda, un grupo de persoas voluntarias traballou na retirada de lixos mariños nas praias de Almacén, Area dos Bois e Zafra, onde atoparon fundamentalmente obxectos relacionados co ámbito dos cultivos mariños e da pesca, como os tarugos plásticos das bateas, pequenos anacos de sedelas, cabos e cabiños, nasas ou boias, por citar os máis abondosos. Xunto a eles retiraron tamén outros obxectos alleos aos traballos do mar, como envoltorios, botes, tapóns e botellas, bastonciños plásticos dos oídos e de lambetadas, chisqueiros, etc. En total 117 quilos, segundo reflectiu o total das pesadas efectuadas tralos traballos de clasificación de residuos cos que adoitan a finalizar este tipo de limpezas.
Mentres, en paralelo, e noutra zona da illa, diferentes grupos de voluntarios traballaron na retirada da Herba de San Xoan (Helichrysum foetidum), unha especie exótica invasora da familia das compostas procedente do sur de África que ten unha gran capacidade de dispersión, e que é moi frecuente en zonas do litoral de Galicia; Phytolacca americana, coñecida como tintureira e que ten algunhas partes moi tóxicas tanto para o gando como para os humanos; e uña de gato (Carpobrotus edulis), orixinaria de Sudáfrica, que ten unha gran capacidade enraizante, formando un tapiz sobre o substrato que altera as condicións do chan.
En total conseguiron retirar máis de 500 quilos de flora exótica nunha actuación desenvolvida en colaboración co Parque Nacional, dentro do proxecto europeo Life Insular, unha iniciativa que busca promover un adecuado estado de conservación dos diferentes hábitats das illas pertencentes á Rede Natura 2000 situadas no Océano Atlántico, ao tempo que procura aumentar a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático.





















































