PLANCTON 2024. II Limpeza colaborativa de lixo mariño nos fondos de Bouzas (Vigo)

PLANCTON 2024. Limpeza de fondos en Bouzas (Vigo)

Tras o éxito da primeira actuación de limpeza de lixo mariño, realizada en 2023 nos fondos de Bouzas, Afundación convocou unha nova xornada de voluntariado ambiental no marco do seu Plan de Conservación Territorial (PLANCTON). 44 persoas, mergulladores e persoal de apoio, participaron nesta nova iniciativa, desenvolta na contorna do porto da Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas e do Porto Deportivo da Confraría de Pescadores, na enseada de Alcabre.

As inmersións, nas que participaron submarinistas da Confraría de pescadores de Vigo-Mariña Deportiva de Bouzas, da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas e do Liceo Marítimo de Bouzas, desenvolvéronse ao longo de toda a mañá. Mentres, en superficie, persoas voluntarias traballaron como equipo de apoio, tanto a bordo das 8 embarcacións participantes, como nos propios embarcadoiros das instalacións portuarias.

Tras os labores de clasificación e pesada coas que concluíu a actividade, contabilizáronse dúas toneladas de residuos retirados dos fondos, entre eles, 25 pneumáticos extraviados dos que se colocan nas embarcacións para as operacións de atracada, e diferentes aparellos relacionados coa actividade pesqueira, como boias, caldeiros, restos de cabos e cordas, nasas, ou redes. Así mesmo, localizáronse outra serie de obxectos cuxo orixe é máis complicado establecer, posiblemente relacionados con actividades domésticas e de lecer, como botes e botellas de plástico e de vidro, dous móbiles, un extintor e outros obxectos plásticos non identificables.

Na xornada ambiental convocada pola Obra Social de ABANCA participaron persoas voluntarias da Asociación de Busca e Salvamento de Galicia, o Concello de Vigo, Protección Civil de Bouzas, a área Portuaria de Bouzas e o Porto de Vigo, ademais dos membros do programa de voluntariado Actúa de Afundación.

Aínda que accións como esta benefician indubidablemente ao medio ambiente en xeral e aos ecosistemas en particular, o principal obxectivo deste plan de conservación territorial é fomentar a conservación e a sustentabilidade do conxunto de actividades socioeconómicas realizadas no mar. Así, a través do proxecto PLANCTON, ABANCA e a súa Obra Social promoven na sociedade formas de actuar responsables que permitan manter os recursos actuais sen chegar a poñelos en risco para as xeracións futuras. Todo iso acorde ao compromiso de ambas as entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, nunha actuación, como a de hoxe, que conseguiu implicar a máis de dez entidades diferentes na procura dun ben común.

DATAS:

11/05/2024

HORARIO:

09:15 a 14:00 h

MODALIDADE:

Presencial