PLANCTON 2024. I Limpeza participativa de lixo mariño nos fondos no porto de Portonovo

PLANCTON 2024. Primeira limpeza participativa de lixo mariño nos fondos no porto de Portonovo.

Representantes da Confraría de Pescadores de Portonovo e do Club Náutico desta localidade, da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, de Portos de Galicia, Protección Civil, do Concello de Sanxenxo e de Afundación, uníronse para levar a cabo unha nova xornada de voluntariado ambiental dedicada á retirada de lixo mariño nos fondos do porto de Portonovo.

En catro horas de traballo, os 12 mergulladores, apoiados por unha vintena de persoas de apoio nos pantaláns, conseguiron retirar máis de 2.300 quilos de lixo mariño, principalmente aparellos extraviados durante a pesca, como redes, nasas, áncoras, boias, cabos, cordas ou cadeas de ferro e pneumáticos utilizados como defensa das embarcacións nas operación de atraque. Tamén se retiraron outros residuos de orixe continental como botellas, envases de vidro e diversos obxectos plásticos de diferentes tamaños. Durante as tarefas de recollida tamén atoparon numerosos botes de bebida, un colector de lixo, dúas baterías de barcos, unha pa, un balde ou unha cunca de café co seu prato.

Trátase da segunda actuación que se realiza en zonas portuarias deste concello. A anterior fíxose no porto de Sanxenxo, conseguindo retirar máis de 1.200 quilos de lixo mariño. Nas xornadas de limpeza realizadas durante os tres primeiros meses de 2024, os voluntarios participantes lograron recoller máis de 12 toneladas de lixo mariño no marco do proxecto PLANCTON. Unha iniciativa que vai pola súa cuarta edición e que xa conseguiu retirar máis de 64 toneladas de residuos das praias e costas de Galicia, e que pretende, desde unha perspectiva multidisciplinar, promover a conservación e a sustentabilidade das actividades realizadas no mar, especialmente nas áreas de influencia das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de ámbito mariño de Galicia e da Rede Natura 2000, tratando de inculcar unha conciencia sostible en todos os sectores sociais.

Pero os obxectivos da Obra Social de ABANCA van máis alá da propia recollida de lixo, a través desta e doutras iniciativas culturais e formativas, a entidade pretende impulsar formas de actuar responsables na sociedade que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións vindeiras, por iso PLANCTON foi recentemente galardoado co I Premio Nacional de Medio Ambiente nos Premios CECA e cun Premio Especial na última edición dos Premios Economía Azul da Xunta de Galicia, todo isto en consonancia co compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente co ODS-13 Acción polo clima, ODS-14 Vida submariña e ODS-17 Alianzas para lograr obxectivos.

DATAS:

21/03/2024

HORARIO:

09:15 a 13:30 h

MODALIDADE:

Presencial