24 estudantes e docentes do Colegio Hogar Afundación, participaron nunha intensa xornada de voluntariado ambiental na contorna da praia da Fontaíña en Coruxo, dedicada á retirada de diferentes especies de flora exótica invasora que ameazan a biodiversidade autóctona do lugar, e a recollida lixos mariños depositados no areeiro pola acción das mareas.
Con esta nova acción, enmarcada no proxecto PLANCTON da Obra Social de ABANCA, conseguiuse retirar máis de media tonelada de flora exótica invasora da contorna do cruceiro da Fontaíña, unha zona protexida de gran valor medioambiental.
O traballo das persoas voluntarias centrouse en diferentes especies, como a capuchina ou flor de sangue (Tropaeolum majus), unha planta rastreira e gabeadora que se está a estender polo cantil, a sempreviva (Helichrysum petiolare), cunha gran mata a carón da rampla de acceso á praia, a vinagreta ou pan de cuco (Oxalis pes-caprae), margaridas africanas (Artotheca calendula), varios pés de Yucca sp., ademais dun pequeno rebrote illado de unlla de gato.
Ademais, un pequeno grupo de voluntarias percorreu a praia na procura de lixo mariño, conseguindo retirar ao final da xornada máis de 16 quilos de refugallos, entre eles 210 obxectos plásticos, como tapóns, botes, botellas e envoltorios, moitos anacos de poliestireno e máis dun cento de cabichas.
A actividade contou coa colaboración do Concello de Vigo, quen se encargou da xestión final do residuo e da planta retirada.