PLANCTON 2023. Limpeza de residuos na praia de Samil (Vigo)

PLANCTON 2023. Limpeza de residuos na praia de Samil coa participación de estudantes e profesorado do Colexio Fogar Afundación.

No marco do seu programa PLANCTON (Plan de Conservación Territorial ON), a Obra Social de ABANCA organizou esta mañá, unha xornada de limpeza de residuos nos areais e o paseo de Samil, en Vigo. A actividade contou coa participación de 45 estudantes e profesores do Colexio Fogar Afundación.

Ao finalizar a xornada contabilizáronse case 40 quilos de residuos, fundamentalmente latas, restos de obxectos metálicos, roupa e téxtiles, madeiras tratadas, diferentes tipos de envases metálicos, de plástico ou de vidro, tapas e tapóns de botes e botellas, papel e cartón ou obxectos relacionados coa hixiene persoal etc. Pero o máis significativo foron as case 4000 cabichas recollidas polos voluntarios, que contaminarían, de permanecer na praia, preto de 190.000 litros de auga, segundo as estimacións realizadas polos técnicos do Grupo Naturalista Hábitat, que tamén participaron na xornada.

A de esta xornada foi a cuarta das xornadas de limpeza de residuos en praias levadas a cabo no seo de PLANCTON en 2023, un plan de conservación territorial que forma parte da estratexia de sostibilidade da Obra Social de ABANCA e que ata o de agora leva xa retiradas máis de 43 toneladas de refugallos de diferentes enclaves da costa galega, 18 toneladas nas accións realizadas neste ano. 

DATAS:

Mércores, 13 MAI 2023

HORARIO:

10:00 a 14:30 h