PLANCTON 2023. Limpeza de lixo mariño na praia de Area da Cruz (O Grove)

Máis de 150 persoas voluntarias,entre escolares do colexio público As Bizocas, os Espazos +60 Afundación de Vigo e Pontevedra e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), participaron no concello do Grove, nunha nova xornada de retirada de refugallos mariños impulsada pola Obra Social de ABANCA no marco de PLANCTON na que conseguiron retirar máis de  305 quilos de lixo.

Como ben sendo habitual neste tipo de actividades, a maioría de obxectos recollidos nas praias de Area da Cruz e Raeiros foron principalmente plásticos, sobre todo aparellos e outra serie de obxectos extraviados durante a actividade pesqueira, como anacos de cordas, cabos e cabiños de diferentes tamaños e grosores, boias, os xa habituais tarugos empregados para o cultivo dos mexillóns nas bateas, caixas de peixe ou pequenos fragmentos de redes e sedelas enmarañadas.

As persoas voluntarias participantes na actividade atoparon tamén outra serie de obxectos de uso cotiá procedentes de terra firme como envases, botes e botellas, tapóns, restos de bolsas e envoltorios, cabichas ou  bastonciños plásticos de limpar os oídos, entroutros obxectos. Tamén atoparon botellas de vidro, chisqueiros, calzado, máscaras, aerosois, un chupete ou un coitelo, entre outros elementos diversos que perxudican seriamente á biodiversidade e que poden chegar a ameazar a supervivencia de especies tan emblemáticas dos areais galegos como a píllara das dunas (charadrius alexandrinus), unha pequena ave que aniña e cría nesta praia.

Dentro do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostenible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, Afundación procura a través de PLANCTON e con este tipo de actividades,  poñer en valor a riqueza natural dos diferentes espazos nos que se actúa, como a propia praia de Area da Cruz, a carón do complexo Ons-O Grove (Rede Natura 2000), incidindo ademais na necesidade de promover a concienciación na sociedade de actuar de xeito responsable para manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras.

Faite voluntari@.

DATAS:

Xoves, 23 FEB 2023

HORARIO:

10:00 a 14:00 h