PLANCTON 2023. Limpeza de areais na illa de Cortegada

Xornada de mellora ambiental na illa de Cortegada, un dos catro arquipélagos que integran o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xunto cos de Cíes, Ons, e Sálvora, onde xa se realizaron actividades deste tipo. en edicións anteriores deste Plan Territorial de Conservación.

60 persoas voluntarias de Actúa, o programa de voluntariado da Obra Social de ABANCA, participaron nesta nova actividade de retirada de residuos en diferentes areais da illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

A maioría dos obxectos que se conseguiron recoller dos diferentes areais da illa nos que se levaron a cabo as tarefas de recollida foron os relacionados coas actividades económicas desenvolvidas no mar, como os xa habituais tarugos de plástico das bateas (máis de 1000), boias e pequenos anacos de escumas sintéticas, así como restos de sedelas, cabos e cabiños. As persoas voluntarias recolleron así mesmo outros obxectos de uso cotiá en terra firme, como os restos de envases e envoltorios plásticos de alimentos, snacks, lambetadas e caramelos, botes, botellas e tapóns, cabichas ou os bastonciños de limpar os oídos, pneumáticos, xoguetes, paraugas ou chisqueiros, por citar tan só algúns.

Unha vez rematados os labores de retirada e clasificación dos residuos retirados das praias procedeuse a súa pesada, que deu un resultado final de 262 quilos.

Esta foi a sexta xornada de retirada de residuos realizada no marco de PLANCTON nos catro arquipélagos do Parque Nacional desde o seu inicio hai tres anos, tres en Cortegada, e unha en cada un dos restantes, Cíes, Ons e Sálvora.

DATAS:

Sábado, 13 MAI 2023

HORARIO:

10:30 a 15:30 h