15 embarcacións e 62 mergulladores e persoas voluntarias convocadas por Afundación participaron nesta xornada de retirada de residuos nos fondos e pantaláns do Porto Deportivo da Confraría de Pescadores de Bouzas, do porto Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas, e en zonas limítrofes na Ría de Vigo, no marco do programa PLANCTON da Obra Social de ABANCA.
Os submarinistas atoparon fundamentalmente pneumáticos, cabos, cordas e outros aparellos relacionados coa actividade pesqueira pero tamén outros vinculados á actividade en terra como unhas gafas, unha papeleira, unha batería de coche, tellas e taboleiros de obra, unha malla metálica de 30 metros, mangueiras, unha barandilla de obra e ata un saco con 5 quilos de patacas dentro, segundo constataron as persoas voluntarias de ABANCA e Afundación encargadas de realizar os labores de clasificación e pesada coas que se puxo fin a esta actividade. Na xornada colaboraron tamén outras entidades como a Asociación de Busca e Salvamento de Galicia, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, Protección Civil de Bouzas, o Concello de Vigo, a Área Portuaria de Bouzas e o Porto de Vigo.
Tras esta nova actividade de limpeza, son xa máis de 45 as toneladas de residuos retiradas no marco de PLANCTON en distintos puntos da costa de Galicia. O obxectivo de todas as accións e en xeral do proxecto é fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar, tratando de promover a súa vez entre a sociedade, xeitos de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras, todo elo, acorde ao compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.