Máis de 160 estudantes e profesores do Centro de Formación Profesional Afundación da Coruña participaron nesta xornada de retirada de residuos mariños nas praias carbaiesas de Razo e Baldaio, un lugar moi sensible e cun importante valor medioambiental, no que cría e unha especie tan emblemática e ameazada como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).
Durante o traballo de voluntariado, as persoas participantes retiraron principalmente obxectos plásticos de orixe terrestre facilmente recoñecibles, como bolsas e envoltorios, numerosas tapas e tapóns e bastonciños plásticos de limpar os oídos, así como restos de envases e botellas. Tamén atoparon chisqueiros, moitas cabichas, bolígrafos, toalliñas ou o mango dun coitelo. Ademais, retiráronse outra serie de obxectos relacionados coa actividade pesqueira, como unha maroma de máis de 30 metros, restos de cordas e cabos, liñas de pesca enmarañadas, ou restos de boias e outras espumas plásticas, así, ata completar os case 300 quilos que indicaba a pesada coa que concluíu a actividade.
Con este tipo de actuacións, este plan de conservación territorial busca ademáis de contribuír a diminuír o impacto dos residuos no litoral, promover a conservación e a sustentabilidade do conxunto de actividades sociais e económicas que se desenvolven no mar, especialmente en zonas como a desta xornada, de Especial Protección das Aves dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, todo iso de acordo co compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción Climática, ODS14 Vida Submariña e ODS17 Alianzas para acadar os obxectivos.