Afundación celebra o día do voluntariado cunha limpeza de lixos mariños nas praias de Area da Cruz e Raeiros

PLANCTON 2023. Limpeza de lixo mariño nas praias de Area da Cruz e Raeiros.

Coincidindo co Día do Voluntariado, máis de 65 persoas voluntarias, na súa grande maioría profesorado, alumnas e alumnos do CEIP As Bizocas, participaron nunha intensa xornada de voluntariado medioambiental dedicada á retirada de lixos mariños nas praias de Area da Cruz e Raeiros, no concello de O Grove.

Desde primeiras horas da mañá, os distintos grupos de escolares dedicaron os seus esforzos á retirada de todo canto refugallo atoparon no seu camiño por ambas praias, fundamentalmente obxectos estraviados durante a actividade pesqueira, como poden ser as nasas, boias, os pequenos anacos de cabos, redes e sedelas enmarañadas, pequenos trozos de escumas sintéticas, así como tamén os tarugos plásticos empregados para o cultivo dos mexillóns nas bateas. Ademáis, outra serie de obxectos de orixe continental que adoitan a aparecer por desgraza nestes lugares, como os botes, botellas, tapóns, cabichas, bastonciños de limpar os oídos, mecheiros, envoltorios, e plásticos de diferentes tamaños non identificables en canto a súa orixe, incluso algún que outro cepillo de dentes e un cepillo de aspiradora. Así, ata completar os máis de 440 quilos que reflectiu a pesada final coa que rematou a actividade, e que ven de encaixar á perfección co espíritu da conmemoración deste ano 2023  cuxo lema incide no poder da acción colectiva: “Se todos fixeramos…”.

Tras esta nova xornada de limpeza son xa mais de 49 as toneladas de lixo mariño retiradas ao longo da xeografía costeira de Galicia no marco de PLANCTON, o plan de acción territorial impulsado por Afundación que procura concienciar á sociedade sobre a importancia de actuar no medio de xeito responsable para manter os seus valores sen comprometelos para as xeracións futuras, de acordo co compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente os ODS13 Acción Climática, ODS14 Vida Submarina e ODS17 Alianzas para acadar os obxectivos.

DATAS:

Martes, 5 DEC 2023

HORARIO:

10:00 a 13:00 h

MODALIDADE:

Presencial