Afundación, a Obra Social de ABANCA, desenvolveu en Portonovo unha nova edición da campaña “O mar empeza aquí”, unha iniciativa enmarcada no proxecto PLANCTON e realizada en colaboración co Concello de Sanxenxo. A acción forma parte da programación organizada con motivo do Mes do Medio Ambiente e dos Océanos e ten como obxectivo sensibilizar a cidadanía sobre o impacto que xeran os residuos urbanos cando son depositados nos sumidoiros e nas redes de recollida de augas pluviais.
A campaña, que o pasado ano celebrou a súa primeira edición en Baiona, pon o foco especialmente na prevención dun dos residuos máis habituais no espazo público: as cabichas. Moitas delas rematan na rede de pluviais e, ao non estar conectada ao sistema de saneamento, chegan directamente ao mar, contribuíndo á contaminación dos ecosistemas mariños.
A xornada articulouse como unha acción de voluntariado interxeracional, implicando persoas maiores, escolares e cidadanía en diferentes actividades de sensibilización ambiental. Entre elas destacou unha intervención artística realizada na contorna dun sumidoiro situado no lateral da oficina de ABANCA de Portonovo, nas inmediacións do Parque do Espiñeiro. A obra, creada pola artista local Tania Solla, conecta visualmente a mensaxe da campaña coa infraestrutura urbana para lembrar que o mar comeza nas rúas das nosas vilas.
Outra das actividades centrais foi a elaboración dun mural colaborativo de sensibilización nun muro do porto de Portonovo. A intervención foi coordinada por A Vella Escola e contou coa participación do alumnado do CEIP de Portonovo, persoas voluntarias do Centro de Xubilados de Portonovo e socias e socios dos Espazos +60 de Afundación de Pontevedra e Vigo, promovendo o intercambio de experiencias e o compromiso compartido coa protección do medio mariño.
A iniciativa incluíu ademais a sinalización de diferentes sumidoiros do paseo marítimo de Portonovo mediante intervencións artísticas realizadas coa técnica do “stancil” e o lema “O mar empeza aqu”, unha acción destinada a concienciar veciñanza e visitantes sobre a importancia de non tirar residuos nestas infraestruturas, xa que calquera refugallo depositado nelas pode acabar directamente no océano. Como complemento a estas actuacións, os distintos grupos participantes levaron a cabo accións de sensibilización cidadá nas inmediacións do club de piragüismo, onde repartiron pequenas libretas informativas co lema da campaña e mensaxes de concienciación ambiental dirixidas á poboación local.
Na xornada participaron o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o coordinador de Responsabilidade Social Corporativa e Sostibilidade de Afundación, José Manuel Mourelo; a portavoz e concelleira de Servizos Sociais e Maiores do concello de Sanxenxo, Paz Lago; a concelleira de Educación de Sanxenxo, Natividad Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente de Sanxenxo, Yago Torres; o director de zona Arousa-Salnés de ABANCA, Víctor Moralejo Velasco; os directores das oficiñas de ABANCA en Portonovo e Sanxenxo, Raúl Albores e Roberto Pérez Lago, respectivamente, e Héctor Freijo, responsable de Portos de Galicia na provincia de Pontevedra
Con esta iniciativa, Afundación e o Concello de Sanxenxo reforzan o seu compromiso coa sustentabilidade ambiental e a conservación dos océanos, fomentando a participación cidadá e a educación ambiental como ferramentas clave para previr a contaminación mariña desde o ámbito local.

















































