Afundación e o Concello de Sanxenxo convidan a «Gozar da praia sen deixar pegada»

PLANCTON 2025. Disfruta de la playa sin dejar huella. Sanxenxo.

O paseo de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo), acolleu a presentación da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», unha iniciativa educativa impulsada por Afundación mediante a cal, a Obra Social de ABANCA busca dar a coñecer ás persoas usuarias das praias, a través dunha exposición con tótems informativos, consellos e boas prácticas para aplicar nos areais durante a tempada estival, co fin de respectar os seus ecosistemas e as especies que os habitan, evitando alteracións que poidan afectar ao seu equilibrio.

No acto de presentación estiveron presentes o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres; José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa de Afundación; Víctor Moralejo, director da zona Arousa Salnés de ABANCA, Raúl Albores, director da oficina de Portonovo, e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial que permitiu retirar neste municipio máis de tres toneladas e media de residuos en sendas operacións colaborativas de limpeza submarina realizadas en abril e xuño nos fondos dos portos de Portonovo e Sanxenxo, coa colaboración de ambas confrarías.

Entre as boas prácticas recollidas nos tótems inclúense consellos como evitar o movemento de pedras de tamaño medio e o uso de ganapáns nas rochas e na beira do mar, para non danar innecesariamente a fauna acuática; escoller cremas e produtos de protección solar respectuosos cos océanos e as especies que neles habitan, e aplicalos polo menos 30 minutos antes de entrar na auga para evitar que se disolvan sen exercer a súa acción protectora na pel; non deixar residuos na praia, xestionándoos de forma máis adecuada en casa; ou aproveitar os paseos pola beira para recoller os desperdicios que podamos atopar polo camiño.

DATAS:

22/07/2025