Afundación presentou en Baiona unha nova edición da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», unha exposición itinerante a pé de rúa formada por tótems informativos que busca dar coñecer ás persoas usuarias das praias un conxunto de boas prácticas que axuden a respectar os seus ecosistemas e eviten calquera alteración que poida afectar o seu equilibrio.
No acto de presentación celebrado, na praia de Ribeira en Baiona, participaron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; o concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades marítimas, Joaquín López Goce; José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa de Afundación e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTONN.
A campaña lembra ás persoas usuarias dos areais prácticas tan sinxelas como evitar o uso de ganapáns nas rocas e na beira do mar; evitar voltear ou desprazar pedras soltas, escoller cremas de protección solar respectuosas co medio acuático e aplicalas cun tempo mínimo prudencial antes de meterse na auga ou levar a casa os residuos xerados para xestionalos de maneira adecuada. A xornada de praia pode transformarse tamén nunha pequena acción de recuperación ambiental utilizando unha bolsa ou rede para recoller lixo mariño durante os paseos polo areal.
«Goza da praia sen deixar pegada» está xa na súa cuarta edición tras levarse a cabo en veráns pasados nos concellos do Grove, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Muros ou A Coruña. Forma parte do Plan de Conservación Territorial-ON (PLANCTON), un proxecto a través do que a Obra Social de ABANCA, ademais de inculcar en todos os ámbitos da sociedade formas de actuar respectuosas co medio, conseguiu retirar en colaboración con distintos axentes máis de 132 toneladas de lixo dos mares e costas de Galicia.












