Afundación e a Confraría de Pescadores de Cambados colaboran na retirada de lixo mariño dos fondos da ría de Arousa

PLANCTON 2024. Contedor do porto de Cambados.

Afundación e a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Cambados conseguiron retirar xa preto de 14 toneladas de residuos mariños dos fondos da Ría de Arousa nos que os pescadores realizan a súa actividade diaria. No marco do proxecto PLANCTON, impulsado pola Obra Social de ABANCA instalouse en decembro de 2022 no porto de Tragove, coincidindo co inicio da campaña da vieira, un contedor de 5 metros cúbicos de capacidade que se baleira periodicamente a medida que se vai enchendo de residuos.

Tras o éxito da iniciativa, ambas as entidades decidiron renovar o seu compromiso co medio mariño e en 2024 proseguen con esta experiencia, convencidos de que alianzas coma esta axudan a lograr obxectivos en beneficio de toda a sociedade.

Restos de cabos, cordas, sedelas, redes enmarañadas, tarugos plásticos das bateas, boias, nasas e defensas de embarcacións son os principais obxectos retirados polos pescadores de Cambados durante este tempo. Son fundamentalmente útiles extraviados durante exercicio da pesca, que por paradoxo que pareza, son recuperados do mesmo xeito durante o labor extractivo. Pero entre os aparellos de pesca, os tripulantes atopan tamén outra serie de refugallos de orixe continental como as toallas hixiénicas, botes e botellas de plástico, metal ou vidro, envoltorios, tetrabriks, calzado ou prendas téxtiles, entre outros.

PLANCTON, como parte da estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación, procura promover entre todos os sectores sociais a actuación responsable para garantir os recursos existentes sen poñelos en risco para as futuras xeracións, en liña co compromiso de ambas as entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de maneira especial cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.

MODALIDADE:

Presencial