PLANCTON 2023. Actividade ambiental na Illa de Sálvora: limpeza de lixo mariño e retirada de flora exótica invasora

Actividade ambiental na illa de Sálvora: retirada de lixo mariño e de flora exótica invasora.

Nesta actividade de voluntariado ambiental no marco de PLANCTON, foron 76 as persoas que se desprazaron ata Illa de Sálvora, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, para levar a cabo unha nova limpeza de residuos nas praias de Area dos Bois, Zafra, e Lagos, onde atoparon fundamentalmente madeiras tratadas con restos de pinturas sintéticas e cravos, palés así como restos de obxectos extraviados no exercicio da pesca, como os xa habituais cabos e cabiños, as marañas de sedelas, os tarugos plásticos das bateas, nasas, boias e fragmentos de redes. Ademais, outra serie de artigos de uso diario con orixe descoñecida, como os restos de bolsas e envoltorios, as latas e botellas de plástico, tapas e tapóns, unha lámpada, etc., así, ata completar 220 quilos, segundo os datos rexistrados tralos traballos de clasificación e pesada cos que rematou esta xornada de voluntariado matinal.

A forte calor reinante ao longo de todo o día obrigou a cancelar a actividade de eliminación de flora exótica invasora que estaba programada para a tarde, no seu lugar, as persoas voluntarias gozaron dunha visita guiada polos lugares máis sobranceiros da illa, na que recibiron información sobre este enclave e sobre boas prácticas para contribuír así á súa posta en valor e conservación da súa riqueza natural, como parte dos obxectivos de PLANCTON, que buscan non só recuperar a contorna, senón tamén contribuír a estender na sociedade unha conciencia sostible.

Coas iniciativas de voluntariado no ámbito do medio ambiente, Afundación e ABANCA queren conseguir un impacto directo en catro Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS): ODS 10 «Redución das desigualdades», ODS 13 «Acción polo clima», ODS 14 «Vida submarina» e ODS 15 «Vida de ecosistemas terrestres».

DATAS:

Sábado, 30 SET 2023

HORARIO:

10:00 a 18:00 h

MODALIDADE:

Presencial