Afundación e a Agrupación de marisqueo a Pé da Confraría de Muros presentaron a campaña “Goza da praia sen deixar rastro” no paseo marítimo da Praia do Castelo, en Muros. A iniciativa ten como obxectivo mostrar aos usuarios da praia diferentes aspectos relacionados coa actividade marisqueira nas praias, boas prácticas para o seu desfrute e diversos consellos para axudar a respectar estes ecosistemas e as especies que os habitan, co fin de evitar alteracións que poidan afectar tanto ao seu equilibrio como ao medio de vida destas traballadoras do mar.
O colectivo de mariscadoras de Muros encargarase de difundir as boas prácticas na praia, proporcionando aos turistas cinzeiros portátiles para evitar que enterren ou deixen colillas na area e bolsas reutilizables coa mensaxe da campaña, animándoos a recoller lixo mariño durante os paseos de lecer pola praia. Paralelamente á campaña informativa, instalouse unha exposición arredor da Praia do Castelo con tótems informativos sobre a práctica marisqueira, o valor da biodiversidade e diversos consellos e boas prácticas para o uso recreativo das praias.
Empregar protector solar respectuoso co océano e aplicalo polo menos media hora antes do baño na praia, non mover nin virar pedras de tamaño mediano, non deixar cabichas enterradas ou na area ou non deixar lixo nas praias son algunhas das sinxelas prácticas que, sen dúbida, beneficiarán o medio ambiente e a todas as persoas usuarias das praias, tanto as que as usan recreativamente como as que traballan nelas por mor da súa actividade profesional.
A presentación desta nova edición da campaña “Goza da praia sen deixar pegada” en Muros contou coa presenza de Adela Lestón, presidenta da Agrupación de Marisqueo a Pé, Daniel Formoso, patrón maior da Confraría de Pescadores de Muros; María Lago, alcaldesa de Muros; José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación; Miguel Ángel García Rey, director de zona de ABANCA; e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON.





















