As praias da illa de Cortegada, dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acolleron unha nova xornada de limpeza de lixo mariño na que tomaron parte máis de 80 persoas voluntarias. A actividade foi convocada por Afundación a través do seu programa de voluntariado Actúa, no marco de PLANCTON, o plan de conservación territorial que xa conseguiu retirar 158 toneladas de residuos do mar e da costa en diferentes enclaves da xeografía galega.
Esta intervención constitúe a cuarta actuación do voluntariado de PLANCTON en Cortegada desde o inicio do proxecto no ano 2020, consolidando así o compromiso continuado coa protección deste espazo natural de alto valor ecolóxico. Como en edicións anteriores, a maior parte dos residuos recollidos está directamente vinculada ás actividades socioeconómicas desenvolvidas no medio mariño, especialmente ao cultivo do mexillón nas bateas e á actividade pesqueira.
Entre os elementos máis abundantes destacan os máis de 850 tarugos plásticos, así como máis de dous milleiros de fragmentos de escumas sintéticas, e varios centos de cordas, cabos, sedelas e cabiños. Xunto a estes residuos, tamén se localizaron obxectos alleos ao sector do mar, procedentes fundamentalmente de actividades de lecer nas praias e da vida cotiá no continente, como botes e botellas, 160 tapas e tapóns, paus de lambetadas e de limpeza dos oídos (máis de 500), bolsas, envoltorios, 15 chisqueiros, xoguetes ou restos de madeira tratada con cravos e pinturas. Ademais, recolléronse prendas de calzado, unha buxía, dúas xeringas, unha pila de petaca, 2 mascarillas, téxtiles máis de 2000 obxectos plásticos cuxa orixe resulta difícil de determinar debido ao seu avanzado estado de deterioro e fragmentación froito da súa exposición aos efectos da intemperie.
Tras as tarefas de recollida, clasificación e pesada, a balanza reflectiu un total superior aos 104,5 quilos de residuos retirados deste enclave natural, contribuíndo de maneira significativa á súa conservación e mellora ambiental. Ademais deste tipo de actuacións directas no medio, PLANCTON pretende sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de adoptar hábitos responsables e respectuosos co medio ambiente, que garantan a preservación dos recursos naturais para as xeracións futuras.
Actuacións como a de hoxe en Cortegada poñen de manifesto o compromiso de ABANCA e a súa Obra Social cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente co ODS 13 (Acción polo clima), o ODS 14 (Vida submarina) e o ODS 17 (Alianzas para lograr os obxectivos). Neste sentido, cómpre salientar a colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia nesta xornada, así como outras actuacións recentes, como a desenvolvida con motivo do Día da Terra en Aldán da man de Afundación en colaboración coa Plataforma Augas Limpas de Aldán-O Hío, onde preto de 300 escolares de tres centros educativos participaron nunha actividade de limpeza de praias, retirada de especies exóticas invasoras e sensibilización ambiental.





















































































