PLANCTON 2026. Limpeza de lixo mariño na praia de Cesantes coa participación do Colexio Fogar Afundación

PLANCTON 2026: limpeza de lixo mariño na praia de Cesantes coa participación do Celexio Fogar AFundación

Preto de 140 quilos de residuos, entre os que destacan por volume máis de 1000 bolsas e envoltorios e máis de 2300 anacos plásticos, é o total que reflectiu a balanza tras a pesada final coa que concluíu esta nova xornada de voluntariado ambiental convocada pola Obra Social de ABANCA na praia de Cesantes (Redondela).

Os traballos iniciáronse a primeira hora da mañá coa repartición de funcións e as indicacións sobre como realizar a limpeza de modo que sexa respectuosa coa contorna. Repartidos en pequenos grupos, e ao longo de toda a praia, preto de 50 estudantes do Colexio Hogar Afundación percorreron o areal buscando os residuos. 

Por unha banda, localizaron restos de aparellos e utensilios relacionados coa actividade pesqueira como os máis de 170 tarugos plásticos empregados nas bateas para evitar a caída dos mexillóns das cordas, restos de sedelas, máis de 400 cabos e cabiños, 161 anacos de poliespán e escumas sintéticas, 8 nasas portuguesas e varios cubos.

Como é habitual neste tipo de xornadas, as persoas voluntarias recolleron tamén distintos obxectos relacionados coas actividades de recreo que se desenvolven no propio espazo, en áreas próximas ou que son arrastrados polo mar. Nesta ocasión contabilizáronse, ademais dos máis de 1000 restos de bolsas e envoltorios, bastonciños de limpar os oídos e outros obxectos relacionados coa hixiene persoal, un móbil, varias pilas e lámpadas, máis de 100 tapóns, unha ducia de pezas de calzado, 69 botes, latas e botellas, varios chisqueiros, xoguetes, cabichas e outra serie de residuos cuxo orixe é difícil de coñecer por mor da súa fragmentación e deterioración no mar.

Como é habitual nestas convocatorias, a xornada contou coa colaboración do Concello de Redondela, encargado da xestión de todos os residuos retirados da praia ao longo da xornada, na que participou tamén o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez.

Con iniciativas de voluntariado ambiental como ésta da praia de Cesantes, dentro do LIC da Enseada de San Simón, un espazo protexido integrado na Rede Natura 2000, así como a través doutras accións formativas e de sensibilización, Afundación impulsa o seu plan de conservación territorial PLANCTON co obxectivo de preservar o litoral e promover a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se desenvolven tanto na costa como no medio mariño. Trátase con iso de fomentar unha actitude responsable por parte da sociedade, garantindo un uso equilibrado e consciente dos recursos naturais, compatible co seu goce presente e coa súa conservación futura. Todo isto en coherencia co compromiso da Obra Social de ABANCA cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, de maneira especial cos ODS 13 Acción polo clima, ODS 14 Vida submarina e ODS 17 Alianzas para lograr os obxectivos.

Esta é a terceira ocasión na que o voluntariado estudantil do Colexio Hogar Afundación actúa neste espazo do concello de Redondela, unha contorna no que retiraron xa case 600 quilos de lixo mariño e flora exótica invasora.

Desde que se Afundación puxo en marcha o seu proxecto PLANCTON, en 2021 conseguíronse retirar xa de diferentes enclaves de toda a costa galega máis de 148 toneladas de residuos e preto de 20 toneladas de flora exótica invasora. Unha iniciativa que é posible grazas a implicación directa de diversas entidades e colectivos, como centros de ensino, administracións (local, autonómica e estatal), clubs deportivos, asociacións naturalistas e do terceiro sector, clubs náuticos, portos e o propio sector pesqueiro a través das confrarías e asociacións de mariscadoras, entre outros.

DATAS:

05/03/2026

HORARIO:

10:00 a 13:30 h

MODALIDADE:

Presencial