Xornada de balance e presentación de resultados PLANCTON 2025

Presentación resultados PLANCTON 2025

O 29 de xaneiro de 2026, ás 10:00 horas, celebrouse un almorzo informativo no Centro ABANCA Obra Social de Santiago de Compostela para presentar á prensa os datos de avaliación e peche da quinta edición de PLANCTON.

Entre os participantes na rolda de prensa estaban Pedro Otero, director xerente de Afundación; Javier Fraga, director de ABANCA Mar; José Manuel Mourelo, coordinador xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación; e María Jesús González González, presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesanais, O Peirao.

Durante a súa intervención, Pedro Otero salientou a importancia do traballo colaborativo de PLANCTON, que, unha vez máis, reuniu a máis de corenta organizacións de diversos sectores, todas elas traballando para o esixente obxectivo dun futuro sostible nun presente ambientalmente desafiante. «Este ambicioso plan multidisciplinar, que inicia xa a súa sexta edición, pretende non só reducir os residuos existentes, algo transcendental, sen dúbida, senón sobre todo sensibilizar ao sector pesqueiro sobre prácticas sostibles –e para iso contamos coa súa máxima implicación– e trasladar esta visión en xeral á sociedade e, particularmente aos mozos, a través de distintas propostas educativas».

Pola súa banda, Chus González, representante do sector pesqueiro e marisqueiro, salientou a importancia da formación continua e da visibilidade. Chus explicou como « partindo da sostibilidade do noso propio oficio, desde a asociación traballamos na separación de residuos e a súa reciclaxe, un labor aliñado co proxecto PLANCTON, no que estamos implicadas sobre todo na difusión e formación e no que nos imos a implicar de forma máis extensa na edición que comeza».

Javier Fraga destacou que «o seu éxito reside no seu modelo colaborativo, que dá visibilidade ás comunidades pesqueiras e marisqueiras, os principais axentes da sustentabilidade ambiental. Os seus esforzos conxuntos permitiron que a mensaxe chegase a miles de persoas, e é importante que a sociedade saiba que este sector é o máis interesado en coidar o medio ambiente».

Durante o almorzo informativo, proxectouse un vídeo resumo das actividades realizadas dentro do proxecto PLANCTON en 2025. Entre os resultados máis destacados, estiveron os máis de 1.100 voluntarios de ABANCA e Afundación que participaron nas distintas xornadas de limpeza de praias e fondos marisqueiros, así como na retirada de especies exóticas invasoras, achegando máis de 4.000 horas de voluntariado. Ademais, durante o ano 2025 colaboraron máis de 40 organizacións, entre as que se inclúen diversos colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro, como as confrarías de pescadores, así como outras entidades e asociacións do terceiro sector, centros educativos, clubs deportivos, organismos gobernamentais, clubs náuticos, portos, servizos de protección civil, Garda Civil, empresas, grupos naturalistas e membros dos espazos +60 de Afundación e do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, por citar só algúns.

Todo este esforzo conxunto permitiu que as toneladas recollidas aumentasen de xeito significativo ano tras ano; así, en 2025 retiráronse 51 toneladas de residuos das praias e fondos mariños de Galicia, 8 máis que na edición anterior.

Nesta quinta edición de PLANCTON, realizáronse 15 limpezas de lixo mariño: 9 en praias e 6 en bancos marisqueiros, en concellos como A Coruña, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Burela, Cambados, Carballo, Ferrol, Muros, O Grove, Redondela, Ribeira e Sanxenxo.

Ademais, en 2025 realizáronse importantes esforzos para erradicar as especies exóticas invasoras, retirando máis de 7 toneladas, para un total de 19 toneladas desde o inicio do proxecto.

En 2025 desenvolvéronse tamén campañas específicas para concienciar sobre a importancia de conciliar as actividades turísticas coa conservación do medio ambiente. Así, durante o verán, lanzouse por cuarto ano consecutivo a campaña “Goza da praia sen deixar pegada” para promover as mellores prácticas en praias con zonas de colleita de mariscos e bivalvos. Tamén se presentou a iniciativa “O mar comeza aquí”, destinada a concienciar sobre a facilidade con que os residuos urbanos vertidos na rúa ou directamente nos sumidoiros poden acabar no mar.

En xornada de tarde, e no mesmo lugar, celebrouse unha sesión informativa conducida por Gloria Rodríguez, coordinadora da área de comunicación de Afundación.

Trala proxección dun vídeo resumo das actividades realizadas en 2025, José Manuel Mourelo e Saleta González (directora técnica do proxecto PLANCTON) presentaron os resultados da edición deste ano aos voluntarios e ás distintas organizacións que colaboraron ao longo de 2025.

Posteriormente, Juan Trigo, experto da Sociedade Española de Malacoloxía, ofreceu unha interesante presentación sobre os moluscos exóticos invasores e o seu impacto na biodiversidade das nosas rías.

De seguido tivo lugar un breve coloquio moderado por Javier Fraga sobre o cambio xeracional e as oportunidades emerxentes dentro do sector. Entre os participantes estaban María Jesús González, presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesanais do Peirao; Sauro Martínez, patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo; Pilar Otero, presidenta da ANMUPESCA; e José Ventura Villar, director do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA).

A xornada concluíu con showcooking a cargo do chef Miguel Mosteiro, na que se presentaron diversas preparacións de varios dos mellores produtos gallegos, cultivados e recollidos nos mares e rías de Galicia.

DATAS:

29/01/2026

MODALIDADE:

Presencial